COMEZO DE CURSO 2022/23:
Bótalle caldo, que cantaba Malandrómeda, probabelmente un dos analistas políticos máis lúcidos do noso país. E namentres Feijóo continúa en Madrid tellando Génova con material da terra (malia non ser o forte de Tellado asesorar discursos), no País dos Peares un novo curso bota mañá xoves a andar, con Rueda aínda desprendéndose feliz do bronceado estival e co caloret aínda no corpo dos xa clásicos incendios de San Xoán (a festa comeza o 24 e xa sigue todo o vrao).
Escoitamos moito que, no tempo da postverdade, esta importa moito menos cás veces que se repita unha mentira. Pero ese é un privilexio de quen non pertence á clase traballadora. Para as traballadoras e traballadores, a verdade é o elemento fundamental ó que agarrarse: a verdade fala do seu salario, fala do seu traballo e das condicións do mesmo. A verdade fala de ter ou non servizos públicos de calidade cos que poder seguir adiante coa súa vida. Pero a Xunta dispón de potentísimos altofalantes que poden distraer e confundir, comezando polos medios públicos -malia o risco probábel de que a TVG acabe por instalarse en Madrid-. E o Conselleiro Román Rodríguez afirma sen pudor neles (e nalgún outro medio que xa é como da casa) que este será un curso con máis recursos e máis profesorado ca nunca. Pero sabemos cal é a verdade: os recortes no ensino público en detrimento de quen máis necesidades ten.
Elimináronse na Educación Infantil e na Primaria case sesenta unidades dende o curso pasado coa correspondente diminución do profesorado (arredor dun cento menos de docentes) e en Secundaria elimináronse moitos desdobramentos que afectarán tamén o alumnado que máis se beneficiaría deles. Ó tempo, urxen solucións para a estabilización de parte do profesorado interino que, malia todo, ve ameazado e incerto o seu futuro.
Pero malia comezar mañá a actividade lectiva, os problemas xa se deron dende o 1 de setembro. Coa teima en ser as primeiras en comezar (por algún tipo de complexo de culpa de bos samaritanos) e fixar o comezo da actividade para o día 8, cando noutras comunidades as clases non comezarán até o día 12, o caos e problemas xerados non son poucos, comezando pola propia Consellería, que non é quen de cumprir nin os prazos que ela mesma se marca:
-Os chamamentos nas substitucións, xa de por si criticábeis, pois vimos esixindo curso tras curso que se produzan con anterioridade ó inicio da actividade lectiva pra poder organizar e coordinar a mesma con algo de previsión e tempo, este ano van máis tarde aínda pola falta de días pra poder efectualos.
-nos centros, esta falta de tempo e as burocracias que se lles esixen ás direccións ameazan con converter a elaboración dos horarios e a distribución de grupos nun crebacabezas ó estilo das afirmacións estivais de Feijóo, ya tú sabes: “Si no acabamos con la pobreza, repartiendo la riqueza, es absurdo acabar con la riqueza para hacernos más pobres a todos” ou “todos los españoles que somos catalanes con independencia de dónde vivamos, igual que los catalanes son gallegos y andaluces vivan donde vivan”
-a coacción que a Consellería exerceu sobre o profesorado en prácticas, comunicándolles a obrigatoriedade de acudir a un acto “de benvida” o 2 de setembro, sen estar amparado en réxime legal ningún e comprobándose in situ que só era un acto meramente propagandístico a maior gloria do Conselleiro.
-As dúbidas e inquedanzas lóxicas que xera nas traballadoras e traballadores do ensino a implantación dunha nova lei educativa, amplificadas por esta mesma falta de tempo, quedando por decidir cuestións importantes a un día de inicio das clases (que se vai facer coas coordinacións de ciclo e cal vai ser o criterio xeral para as mesmas, por exemplo).
-as obras inacabadas en pleno comezo da actividade lectiva, talvez por querer anticiparlle ó alumnado as ventaxas laborais que pode conlevar o dominio do encofrado ou o empedrado da columna dórica, pero que poñen en risco a integridade física da comunidade educativa e condicionan notabelmente a actividade dos centros, pola falta de previsión e consideración (sabendo que vai ser así, faise igualmente).
E, malia a propaganda, a verdade de fondo do actual contexto (só fai falta botar un vistazo á aparencia e corte dos anuncios da web da Consellería de Educación) é que hai unha política neoliberal que agrede o ensino público galego, que promove a diminución de recursos no mesmo en favor da educación concertada (onde se aumentou significativamente o profesorado dende 2009, ó contrario que na pública onde descendeu un 10%) e que promove a privatización efectiva de parte dela e dos seus servizos complementarios, estratexia xa moi desenvolta noutras comunidades gobernadas polo Partido Popular.
Así que namentres Tellado contempla as Torres Kio en Madrid e lles busca parecido coa Ponte das Pías da ría de Ferrol, cando a levou por diante o buque Enterprise, aquí asistimos a un novo intento, como cada ano, de levar por diante o ensino público e con el, as posibilidades de cambio do país e da mellora de vida de quen máis o necesita, así como o empeoramento das condicións de traballo das súas traballadoras e traballadores.
-documento en pdf
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
7 DE SETEMBRO DE 2022