09-12-2016 A fin xustifica os medios para a Consellería
Informe PISA
O INFORME PISA: A FIN XUSTIFICA OS MEDIOS PARA A CONSELLERÍA
Xa é coñecida por todo o mundo a publicación o pasado martes día 6 do informe PISA do 2016. E os titulares da prensa apuráronse a publicar que en Galiza os resultados eran mellores que a media estatal. Ao Conselleiro Román Rodríguez faltoulle tempo para dicir que era grazas ás medidas levadas a cabo pola súa administración. Medidas, claro está, consistentes en recortar postos de traballo, elevar as ratios de alumnado e aumentar a carga de traballo sobre o profesorado.
Diante desta ostentación deses "mellores" resultados, no STEG queremos facer un exercicio de memoria lembrando unhas poucas cuestións ao respecto:
-O informe PISA está elaborado pola OCDE, unha organización adicada a estudos económicos, máximo expoñente do neoliberalismo que intenta impoñerse na nosa sociedade, polo que resulta sorprendente atribuírlle a categoría de "expertos en educación"
-O procedemento de avaliación e elaboración deste informe é pouco transparente, non é público e, en consecuencia, fácilmente manipulable. Alguén conspiranoico podería cuestionarse que curiosamente, as comunidades rexidas por gobernos do PP e que aplicaron máis duramente os recortes son as que mellores resultados obtiveron.
-Calquera procedemento de avaliación externa é incompleto e inexacto para coñecer os resultados dun modelo educativo. O procedemento de adquisición de competencias non é algo que poida cuantificarse dun día para outro, polo que o que se estaría avaliando neste caso é o conxunto dos cursos anteriores en que, curiosamente, non estaba aplicándose a LOMCE nin os seus recortes.
-Atribuírlle uns bos resultados académicos ás políticas de recortes, de masificación das aulas e de redución de todo o profesorado, especialmente do profesorado de apoio é un argumento que vai contra a lóxica, a pedagoxía, e a gran maioría de estudos científicos realizados ao respecto.
Cómpre, por tanto, cuestionármonos a lexitimidade da OCDE como promotora das probas do Informe PISA; cómpre tamén por en cuestión a empresa encargada das probas, o xigante editorial Pearson (¿que lexitimidade pode ter esta empresa para sinalar as necesidades dun sistema cando ela mesma é a encargada de subministrar as solucións ás mesmas? Tanta coma a que teñen as axencias de calificación da débeda, encargadas tamén de financiar o pago desta).
Nos últimos tempos, a adecuación da escola-empresa, a xerarquización e a mercantilización desta son a estratexia tripla que acompaña os recortes no ensino, nun contexto onde o COÑECEMENTO vai sendo substituído pola EMPREGABILIDADE e o "capital humano" é considerado o máis importante de entre os factores históricos (terra, capital, traballo) que inflúen no crecemento económico.
Así, asistimos a unha degradación da linguaxe e deturpación do significado das palabras (a Neolingua que cita O`Rivas falando de Orwell, onde as cousas significan o seu contrario) e onde a escola xa non é, nin dende a óptica verbal, unha institución pública senón un "proveedor de capital humano".
¿Que saberes son precisos pra entender o mundo do século XXI e transformalo cara a equidade e cara un desenvolvemento sostíbel e duradeiro? ¿Cal o camiño para permitir o acceso a meirande parte da poboación? ¿Cal a pedagoxía, o discurso e as prácticas e cales os mecanismos que motiven o alumnado para conquerilo?
Dende o STEG queremos lembrar de novo que o obxectivo do ensino público non deberían ser en exclusiva os bos resultados académicos, que é o que o informe PISA cuantifica, se non o desenvolvemento das plenas capacidades de cada persoa, para que se convirta nunha cidadanía adulta, autónoma e responsable. E para conseguilo (que, ademáis sirve tamén para mellorar resultados académicos) non hai mellor remedio que revertir os recortes destes últimos anos, reducir as ratios de alumnado, aumentar o profesorado de apoio e diminuír a carga de traballos sobre o persoal docente.
-documento en pdf
Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
7 de decembro do 2016