12-05-2017 A reviravolta das reválidas
REVÁLIDAS
A reviravolta das Reválidas
Volven as reválidas con lixeiros cambios cos que se pretende facelas máis afables e inofensivas, cando só é un lavado de cara dunha proba que para nada é o que di que é.
Desta volta, preséntanse coma unha proba diagnóstica que pretende sacar á luz as necesidades pedagóxicas que teñan as crianzas.
Dende o STEG levamos tempo sospeitando da actitude da Consellería, ocultando intencionadamente información sobre a reválida de 3º, mentres cada detalle das de 6º e de 4º da ESO era publicado a bombo e pratillo. Por que a Consellería, se estas dúas probas son mostrais, se empeña en que a de 3º (lembremos, crianzas de 9 anos!) as teña que realizar todo o alumnado? A Administración mostra aquí unha teima que ten en contra toda comunidade educativa, sen importarlle a opinión de profesorado, familias e alumnado.
Igualmente, no referente ás reválidas de 4º da ESO, parécenos pouco serio colgar na web unhas instruccións pendentes aínda de publicar en DOG para unhas probas que se celebrarán en menos de dúas semanas.
¿En serio se cre que un só exame que non mide nada máis ca coñecementos (obviando o resto do proceso de ensino-aprendizaxe) pode determinar que se necesita un apoio logo?
Poñamos por caso unha picariña que non ten ningunha dificultade pero ese día erra na proba: precisa apoio e medidas extraordinarias se for o caso? Ou ao revés: un neno que si precisa apoio pero non queda reflectido na proba. Deixamos atrás ese apoio? Pois non, porque existen recursos que xa funcionan dende que as crianzas dan os seus primeiros pasos na escola e son O Departamento de Orientación (DO), que é o departamento competente e a función titora xunto coas avaliacións iniciais e continua, serían dabondo como para non só detectar as necesidades, senón para poñerlles apoio e medidas axeitadas. Ademais:
- Como se viu o curso pasado, a non asistencia non implicou perxuízo nin sanción ningunha para o alumnado nin para as súas familias.
- Aínda que non influirán na nota media nin na posibilidade de promoción, si que figuran no expediente, co cal pode haber nenas/os que queden xa “marcadas/os” por unha soa proba.
- Adxudícaselle unha nota a un alumnado moi novo, sen considerar para cada estudante condicionantes fundamentais: contexto sociocultural e socioeconómico, alumnado con necesidades especiais, etapa do proceso madurativo, evolución durante o curso, etc.
- Un dos obxectivos non explícitos desta proba é o de crear un ránking de centros, que na práctica favorece a creación de guetos educativos, nos que os centros ou comarcas con peores resultados na proba, serán os que reciban menos recursos para o curso seguinte. Deste xeito complétase e perpetúase o círculo vicioso iniciado pola Administración: no inicio de cada curso non se dota dos recursos necesarios aos centros de ensino público, o que incide negativamente nos resultados, os centros con peores resultados verán reducidos os seus recursos en vez de recibiren máis apoios e dotacións como debería ser en boa lóxica.
- A LOMCE é unha lei moribunda froito do acordo aprobado por maioría parlamentaria no Congreso no seu día (sería desexábel unha nova lei canto antes que a substitúa), polo que o seu percorrido será moi curto ou nulo. Por tanto, sería desexábel centrar os esforzos do alumnado e do profesorado no verdadeiramente substantivo e prescindir daqueles elementos que están lonxe de achegar beneficio ningún para o Ensino.
- Trátase dun ataque e un menosprezo brutal á avaliación gobal e continua realizada nos propios centros de traballo polas/os titoras/es e déixase de lado o carácter sumativo e formativo que debera posuír a avaliación.
- Condiciona o traballo do profesorado que só poderá traballar os contidos para esa proba, deixando de lado o currículo ordinario e perdendo polo camiño os contidos necesarios para que os procesos de ensino-aprendizaxe sexan os mellores para o alumnado.
- Non facilita solucións para corrixir as dificultades na adquisición de competencias (ten un marcado carácter sancionador), ignorando medidas de probada efectividade como:
- Aumentar o profesorado de apoio
- Reducir a carga horaria do persoal docente
- Reducir as ratios de alumnado
- Recuperar o investimento na atención á diversidade como un dos eixos fundamentais para un ensino público de calidade, conforme aos criterios de igualdade, equidade e xustiza social, corrixidor da fonda desigualdade social que está a vivir o noso país.
Se o que se pretende coas reválidas é precisamente detectar estas necesidades, non fai falla tanta parafernalia, pompa e gasto de recursos humanos, materiais e tempo.
Vendelas como unha proba de iluminación de necesidades é coma quen quere que un só exame determine o futuro enteiro dunha persoa.
A educación non traballa así, o ensino é continuo e non se cingue a un só exame que naceu cunha intención de etiquetaxe, clasificadora e neoliberal.
Nos cursos pasados, entre ameazas de todo tipo, o STEG levou a cabo unha exitosa campaña de boicot contra a reválida de 3º na que, grazas á colaboración das familias, conseguiuse que unha gran parte do alumnado do ensino público non acudise ao seu centro o día de realización das probas, mostrando así o seu rexeitamento frontal a esta medida. E nada pasou, ou si: contribuíuse a deixar moribunda esta LOMCE. Daquela: perseveremos na protesta.
Un último engadido: a Consellería minte cando di que estas probas non terán efectos académicos xa que mentres non se modifique o Decreto de avaliación de primaria e o seu artigo 6.2, onde fala da promoción de curso: "Os informes das avaliacións individualizadas de terceiro curso de educación primaria e de final de educación primaria teranse en conta", seguirán tendo peso académico, dun ou doutro xeito.
Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
10 de maio de 2017
documento de pdf