O curso 2025/26 estivo marcado polos seis días de folga convocados no ensino público galego. Foi un curso intenso no que o STEG fixo todo o posible para acadar a unidade sindical e facer fronte, mediante a mobilización, ás políticas da Consellaría. O noso obxectivo foi forzar unha negociación real que abordase as reivindicacións históricas pendentes.
Convocamos folga xunto coa CIG o 25 de setembro de 2025 e acordamos unha segunda convocatoria os días 28 e 29 de outubro. Impulsamos tamén unha reunión de todas as organizacións sindicais con representación nas Xuntas de Persoal, na que constatamos un amplo consenso reivindicativo, agás nas cuestións recollidas no Acordo de Medidas asinado por CC.OO., ANPE e UGT-SP co presidente Rueda. Os sindicatos asinantes recoñeceron a falta de avances no seu desenvolvemento e comprometéronse a valorar a incorporación ás mobilizacións se fracasaba a seguinte reunión coa Consellaría. Porén, novas promesas da Xunta desactivaron esta posibilidade. Malia isto, CSI-F anunciou a súa incorporación ao acordo.
Esta aposta pola mobilización e pola unidade sindical non naceu no curso 2025/26, senón que constitúe unha liña de actuación sostida polo STEG desde as eleccións sindicais de 2019. Durante estes anos mantivemos unha defensa firme do ensino público galego, denunciando o deterioro das condicións laborais e a insuficiencia de recursos, sen renunciar á procura de espazos de encontro co resto das organizacións sindicais.
A nosa acción sindical caracterizouse pola presenza nos centros e nas rúas, o apoio ás mobilizacións e a defensa dunha negociación colectiva real. Protagonizamos varios peches na Consellaría e acompañamos activamente o movemento das Asembleas, especialmente intenso en Pontevedra e A Coruña, tendendo pontes e explorando vías conxuntas de mobilización. Reclamamos a recuperación dos dereitos perdidos, a redución das ratios e da carga lectiva e burocrática, a mellora dos cadros de persoal, a atención á diversidade e os recursos necesarios para un ensino público de calidade. Demandas que responden ás necesidades reais do profesorado, non a intereses conxunturais nin electorais.
A sinatura do Acordo de Medidas por CC.OO., ANPE e UGT-SP supuxo un punto de inflexión. Desde o STEG denunciamos a insuficiencia dun acordo que deixaba fóra reivindicacións fundamentais e non garantiu as melloras estruturais necesarias. O tempo evidenciou as súas limitacións. Fronte á aceptación de avances parciais como solucións definitivas, mantivemos a esixencia dunha negociación aberta, transparente e capaz de responder ao conxunto das demandas pendentes.
As concentracións, manifestacións e folgas expresaron un malestar que a Consellaría se resistiu a recoñecer. Os problemas que afectan ao profesorado e á calidade do ensino non desaparecen con anuncios nin promesas. Por iso defendemos unha mobilización capaz de sumar forzas, ampliar a participación e obrigar a Administración a asumir compromisos concretos e verificables.
A unidade sindical foi unha prioridade permanente, pero nunca un pretexto para renunciar ás nosas reivindicacións. Non pode construírse arredor de acordos insuficientes nin servir para desactivar a resposta colectiva. Debe basearse en obxectivos compartidos, na independencia respecto da Administración e na vontade de manter a presión ata acadar solucións. Mesmo cando non foi posible lograr convocatorias unitarias, procuramos favorecer a confluencia e evitar que as diferenzas sindicais debilitasen a mobilización.
O anuncio dun novo acordo non altera esta realidade. Sen medidas suficientes, prazos, recursos e garantías de cumprimento, seguirán pendentes os problemas estruturais do ensino público galego. Non abondan novas promesas mentres persistan a sobrecarga laboral, a insuficiencia dos cadros de persoal e as dificultades para garantir unha educación inclusiva e de calidade.
O balance deste período é o dunha organización que procurou manter a coherencia entre as súas reivindicacións, a posición nas mesas de negociación e a acción nas rúas. Desde 2019, o STEG mantivo a vontade de sumar, negociar e mobilizarse, con xenerosidade e lealdade cara á comunidade educativa, ás demais organizacións sindicais e á nosa afiliación. Seguimos convencidas e convencidos de que os dereitos do profesorado e a mellora do ensino público non se acadan coa resignación nin con acordos que deixan intactos os problemas fundamentais, senón coa participación, a organización e a loita colectiva.
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Horario das sedes:
10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)
16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)
R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal
Ver en Google Maps