BORRADOR DE PROTOCOLO DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID 19 NOS CENTROS DE ENSINO NON UNIVERSITARIOS DE GALICIA PARA O CURSO 2020-2021, NA SÚA VERSION DO 14-07-2020, AO RESPECTO DA MESA SECTORIAL DO XOVES 16 DE XULLO DE 2020.
O STEG BOTA EN FALTA RECURSOS ECONÓMICOS, REDUCIÓNS DE RATIO E CONTRATACIÓN DE MÁIS PROFESORADO NO BORRADOR COMUNICADO POLA CONSELLERÍA.
A Consellería vén de darlle traslado ás organizacións sindicais o Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de ensino non universitarios de galicia para o curso 2020-2021, na súa version do 14-07-2020, ao respecto da mesa sectorial do xoves 16 de xullo de 2020. E o STEG trasladoulle á Consellería na tardiña de hoxe mércores as achegas pormenorizadas a dito documento, que podedes consultar ao final desta entrada de xeito íntegro. O que aquí achegamos é unha valoración en termos globais deste borrador:
Da lectura polo miúdo de dito documento (99 páxinas das que se tivo coñecemento aínda onte martes a mediodía) despréndese a sensación de que a Consellería de Educación segue sen asumir as dimensións do reto que o ensino público galego e a sociedade en xeral enfrontan no comezo do vindeiro curso. Isto mesmo, antes ca nada, requiriría facer chegar os documentos cun tempo moito maior para a súa análise e discusión, se é que houbese vontade diso e non de cumprir co expediente e nada máis.
Deste xeito, o documento, aínda en fase de borrador e para ser debatido na Mesa Sectorial de mañá xoves, adoece de conter numerosas vaguidades, imprecisións e volve outorgarlle unha responsabilidade excesiva ao profesorado e ás familias. De igual xeito, prescinde de medidas fundamentais para abordar as problemáticas sanitarias, de hixiene, seguridade e saúde laboral que conleva a pandemia da COVID-19: a diminución efectiva das ratios por aula ás 15 alumnas/os(actualmente situada en 25) e a contratación de máis profesorado.
A falta disto, o documento carece dunha memoria ou previsión económica que o informe, motivada pola inxente cantidade de materiais, produtos e medidas que así o requerirían e que motivarían a posta en marcha de partidas específicas para enfrontar estes gastos. Ben ao contrario, neste sentido sinálase neste borrador que os gastos derivados da adquisición de máscaras, xel, dispensadores, sinalización…Correrán a conta dos gastos de funcionamento do propio centro, o que conlevará inevitabelmente un deterioro da calidade do ensino público –malia a prioridade sanitaria que debe ser a que prime, non obstante, neste momento-, afectando o alumnado, coma sempre, con máis dificultades e menos recursos e as súas familias.
No tocante ao ensino concertado, polo que a Consellería pasa de esguello neste documento, o STEG pregúntase se cumpren estes centros concertados os requerimentos de espazo en relación á súa matrícula e ratios para dar cumprimento a estas normas de obrigado cumprimento. Igualmente, tamén nos preguntamos que medidas ten pensado adoptar a Consellería naqueles centros deste tipo que previsibelmente non poderán cumprilas e se vai manter os concertos educativos cos centros que as incumpren.
Fálase de traballadoras formadas e nos últimos puntos do mesmo borrador fálase da oferta formativa que desenvolverá a Consellería. Que duración terá esta formación? Cando se considerará completada? Neste suposto, onde cómpre crear un equipo Covid (con enorme responsabilidade): cantas horas se fixarán para esta función? A xunta decidirá quen forma parte, en función de que criterios? Sería conveniente valorar a formación previa do profesorado que está no centro en relación coa prevención de riscos laborais, bioloxía, etc ... Dada esta responsabilidade, non debería haber unha remuneración complementaria como xefa/e de departamento ou figura similar?
Ao respecto das autoenquisas e a responsabilidade que se lle confire ao profesorado e familias, dende o STEG opinamos que, en todo caso, en ningún caso se debe facer recaer exclusivamente no profesorado vía "autodiagnostico" a responsabilidade no control de acceso aos centros, o profesorado non somos persoal medico cualificado para facer diagnósticos médicos. O protocolo pretende facer responsábel o profesorado dos posibles casos nos centros sen artellar medidas reais de prevención nas aulas pois elimina calquer referencia ao control de accesos e a necesaria existencia de botiquíns con material para avaliar si se accede ou non con síntomas da Covid19, ao situar calquer medida sanitaria despois de se ter producido casos pero deixando ao centro sen posibilidade real de detección ao non regular nin de xeito xeral un control efectivo de acceso ao centro con valoración de síntomatoloxia básico (febre).
O STEG, diante do previsíbel aumento do teletraballo, demanda que cada traballadora e traballador do ensino público conte cun equipo informático para uso individual e intransferíbel e se reforcen notabelmente neste sentido os equipamentos informáticos dos centros que propicien un acceso democrático e universal á Rede, non só polos motivos de hixiene relativos a este puntos, senón tamén ao fío das estatísticas oficiais de público coñecemento e dispoñíbeis no enlace seguinte, relativas á Porcentaxe de centros conectados a internet por fibra óptica. (fonte da imaxe: Ministerio de Educación//http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/estadisticas/no-universitaria/centros/sociedad-informacion.html), onde Galiza ocupa o posto máis baixo de todas as comunidades autónomas do Estado, cun 10,4% de conexión, 17 puntos inferior á Castela-A Mancha, penúltima no ranking, ou a máis de 80 puntos porcentuais das comunidades con máis conexión a internet por fibra óptica.
No relativo ao punto 26, de Medidas específicas para o profesorado, en consoancia coa ausencia de previsión ou memoria económica ningunha que informe este borrador, dende o STEG manifestamos a nosa disconformidade con este feito, en concreto con que a única alusión a aspectos económicos sexa unha referencia neste borrador a que os gastos derivados da adquisición de material hixiénico necesario para levar adiante os protocolos, corran con cargo aos gastos de funcionamento do centro. A este respecto, o STEG bota en falta algunhas estimacións económicas, do seguinte xeito:
155.851 alumnas (segundo os datos da Consellería)
175 días lectivos
0,95 pvp por máscara (prezo variábel no caso de proveedores maioristas)
TOTAL: 25.910.228,75 EUROS
Consonte a isto, namentres se manteñan os prezos actuais (0,96 máscaras e 15 euros/litro o xel), cada alumno supón un investimento mínimo de 2,01 euros ao día (7 usos de xel e unha máscara como pouco, contado 10 ml en cada uso como cantidade recomendada), o que finalmente motivaría un investimento final de case 312.000 euros por día lectivo, traducida nunha inversión de 54 millóns de euros en material médico, sen contar algúns outros aspectos.
Segundo os cálculos realizados polo STEG e parte da comunidade educativa, concluímos que incrementar un grupo mais na ESO (de 3 a 4) e 2 no Bach (de 4 a 6) para baixar de 30 a 20 na ESO e de 35 a 20 no Bach precísanse 3,5 docentes máis.
Isto é aproximadamente 36.000€x 3,5 = 126.000€
Mais, tendo en conta que se trata dun borrador, o STEG remitiulle esta mesma tarde un documento con achegas pormenorizadas á Consellería, onde se esbozan propostas, alternativas ou directamente cuestións coas que non se concorda, no camiño de contribuír na medida das nosas posibilidades a enfrontar con garantías o comezo do vindeiro curso, asegurando a saúde da comunidade educativa e defendendo a calidade do ensino público galego. Podedes consultar o documento remitido á Consellería aquí mesmo:
-achega crítica ao borrador en pdf
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
15 de xullo de 2020