Anteproxecto de Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta.
O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza expón as súas dúbidas ante o Anteproxecto de Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta, que acaba de facerse público.
Entendemos que calquera proxecto educativo debe ser debatido e consensuado coa comunidade educativa implicada: profesorado, centros e alumnado. Non é o caso. A Xunta de Galicia preferiu iniciar este proceso lexislativo de costas aos 11 EPAPUS, 106 IES e 300 docentes, e esquecendo por completo aos 10.000 alumnos e alumnas que hoxe cursan educación para adultos.
O STEG denuncia que a Xunta de Galicia está, novamente, lexislando de costas á comunidade educativa.
Necesitamos a día de hoxe garantir a función educativa das máis de 300 docentes que traballan para a educación de persoas adultas e que hoxe ven como a Xunta de Galicia esquéceos novamente.
Ao longo do texto proposto pola Xunta de Galicia ábrese a porta á externalización dos servizos, o que, como está demostrado, supón unha redución da calidade educativa e un encarecemento. Encarecemento que pagaremos entre todas, para xerar un beneficio que irá a parar a unhas poucas mans. Apostamos por unha educación ao longo da vida adulta garantida e ofrecida directamente polas administracións públicas.
Profundizando na privatización e externalización dos servizos, o texto fala en todo momento de conxugar “organismos públicos e privados acreditados”. Para o STEG o ensino debe ser 100% público, o que non só é garantía de calidade educativa, tamén debe ser garantía de estabilidade laboral para as docentes.
O texto pode levar á desaparición física da educación para persoas adultas, pois utiliza de forma contínua a fórmula de “a distancia e en liña”. Que, a lei faga referencia en exclusiva á formación a distancia e en liña supón para o STEG unha apertura á á precarización da educación.
Na liña 549 do anteproxecto dise ademais que “terán prioridade as ensinanzas que polas súas características poidan ofertarse de forma totalmente a distancia, co apoio de titorías non presenciais”. O STEG entende que esta fórmula deixa á vista cal é a intención da Xunta de Galicia. Precarizar un servizopara posteriormente eliminalo.
Chámanos a atención que, nos programas de integración en competencias lingüísticas desaparecen as Escolas Oficiais de Idiomas para deixalo nun abstracto “idiomas”. O STEG denuncia que a redacción do texto abre a porta ás empresas privadas, pois calquer entidade deste tipo podería ofrecer o ensino de idiomas, sen garantir nin a calidade educativa nin a estabilidade do seu profesorado.
Para o STEG, o ensino é a chave do futuro, e por tanto eliminar a presencialidade do ensino de persoas adultas supón eliminar un elemento de xustiza social fundamental para a sociedade. O público, o presencial é garantía de calidade.