OPOSICIÓNS 2019
No STEG tiñamos a dúbida de como sería o facer da nova Conselleira de Educación, e neste sentido a oferta de emprego público para este ano era unha ocasión para ver a medida do talante da señora Pomar. Malia que a priori semelle unha OEP mellor cás anteriores, de novo vólvense a cometer erros que só prexudican o ensino público galego:
-Non é unha oferta real, xa que as prazas de promoción interna quedan na súa maioría vacantes.
-Consideramos que non responde a unha necesidade real de especialidades; debería realizarse un estudo analizando cales son as necesidades reais, e que contemple un aumento dos postos docentes.
-Esta oferta non vai aumentar o número de profesorado no ensino público galego pois as vacantes inicialmente ocupadas por profesorado interino e substituto pasan a ser ocupadas por persoal funcionario, cuxas prazas de partida, unha vez libres, non parece que vaian ser cubertas por ninguén. Desvestir un santo para vestir outro. Este feito pode supoñer o despedimento de moitas persoas interinas e substitutas, xa que o actual proceso de oposicións non supón ningún recoñecemento nin valoración da experiencia docente. No STEG vimos defendendo dende hai moito tempo que é preciso un acceso diferenciado para a igualdade de oportunidades e un acordo de estabilidade para garantir que non perdan o seu posto de traballo as persoas con máis experiencia docente.
- Nun contexto máis xeral, o que se conclúe logo da lectura atenta desta convocatoria é que a mesma debese facer fincapé na ponderación dos elementos dunha verdadeira Oposición-Concurso, onde se tratase de seleccionar as persoas máis preparadas independentemente do número de prazas existentes; a partires de aí, debese ser a fase de Concurso a que finalmente resolva a diferenza entre aspirantes e prazas. Na medida en que esta convocatoria -tendo aspectos bos- non afonda nestas cuestións, a igualdade de oportunidades vese diminuída. Esta circunstancia podía ser facilmente corrixida na medida en que se precisase máis este tipo de cuestións.
-Ademais da necesidade dun aumento real de postos docentes, é tamén necesario que de xeito complementario se produza un aumento das vacantes no CXT para que non haxa de novo especialidades que estean 10 anos en expectativa de destino.
-O número de prazas e de especialidades que se contemplan para EOIs e CMUS parécenos ridículo. É preciso unha oferta real de emprego neses corpos en que hai unha enorme inestabilidade para o seu profesorado.
-A sorpresa agradábel foi a convocatoria de prazas de portugués na ESO. Xa na xuntanza que mantivemos coa Conselleira o pasado novembro adiantámoslle esta reivindicación que defende o STEG dende hai anos, pero lamentamos que o número de prazas sexa tan reducido. Confiemos en que esta medida sexa só un primeiro paso para unha implementación real da Lei Paz Andrade de forma progresiva.
-Por último, gustarianos lembrar unha serie de medidas que o STEG vén reclamando unha convocatoria tras outra e que aumentarían a transparencia e a obxectividade no proceso de oposicións, como son que as presidencias dos tribunais se decidan por sorteo, que a baremación de méritos lle corresponda a unha comisión única e non a cada tribunal e que formen parte de todos tribunais sempre as inspeccións educativas.
Dende o STEG reclamámoslle á Consellería que teña en conta todas estas reivindicacións para futuras convocatorias, co obxecto de que as OEPs sexan transparentes, respondan ás necesidades reais de aumentar o número de postos docentes, e garanticen que non haberá docentes do ensino público que perdan o seu posto de traballo.
-documento en pdf
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
1 DE FEBREIRO DE 2019