AS O.O.S.S QUE AQUÍ ASINAN, ALÍ LOITAN
O profesorado galego leva todo o curso combatendo o ataque sistemático da Consellería contra a educación pública.
O STEG foi convocante das seis folgas de profesorado desenvolvidas ao longo do mesmo e tamén o principal impulsor dunha xuntanza na que as seis organizacións sindicais con representación nas Xuntas de Persoal puxeron as cartas enriba da mesa para evidenciar que eran máis as coincidencias ca as discrepancias nas reivindicacións do profesorado e co obxectivo de construír unha resposta unitaria e fortalecer a mobilización conxunta fronte á Administración.
Porén, algunhas organizacións sindicais rexeitaron esta proposta unitaria argumentando que preferían “afondar na vía negociadora coa Consellería”. Naquel momento consideramos que esa decisión era un grave erro, porque contribuía a amortecer a presión que o conxunto do profesorado podía exercer sobre a Administración.
Mais hoxe temos que admitir que estabamos errados...
Nos últimos días o profesorado galego seguiu con atención —e mesmo, por que non dicilo, con certa envexa— a mobilización das compañeiras e compañeiros do País Valencià. Vimos como foron quen de rexeitar unha proposta da Generalitat por considerala insuficiente e continuar coa folga na defensa das súas reivindicacións.
E precisamente desa proposta rexeitada xorden varias preguntas inevitables:
• Por que os mesmos sindicatos que consideran inaceptable en Valencia unha suba lineal de 200 euros para todo o profesorado cualifican en Galiza como “histórico” un acordo cun incremento salarial de 0 euros?
• Por que os mesmos sindicatos que en Valencia reclaman 18 horas lectivas en primaria e 15 en secundaria consideran aquí “histórico” un acordo que mantén ás 23 horas lectivas en primaria e a posibilidade de chegar ás 20 en secundaria?
• Acaso o profesorado galego non merece o mesmo recoñecemento e polo tanto as mesmas condicións laborais que o profesorado doutros territorios do Estado?
Por iso dicimos que estabamos errados: o problema non era simplemente unha estratexia sindical equivocada. O acordo asinado en Galiza por esas organizacións constitúe unha profunda deslealdade co profesorado galego.
Para comprender a verdadeira dimensión desta situación achegamos neste correo unha infografía comparativa entre as reivindicacións defendidas polo STEG e as que estas organizacións están a defender aquí e en Valencia. Como poderedes comprobar, os discursos e as esixencias dalgúns cambian moito segundo o territorio...
O que aparece nesas infografías son datos. Datos e explicacións que dificilmente atoparedes noutros correos, por moito que vos cheguen por cuadriplicado.
E non o atoparedes porque:
AS QUE AQUÍ ASINAN, ALÍ LOITAN!

Horario das sedes:
10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)
16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)
R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal
Ver en Google Maps