Xornadas confederais de formación
A Organización de Mulleres da Confederación Intersindical celebrou na localidade de Alcalá de Henares o 9 e 10 de abril las Jornadas Confederales de Formación co lema “As loitas feministas, motor de cambio”.
Sesenta mulleres dos diferentes sindicatos territoriais e sectoriais da Confederación Intersindical participaron nestas xornadas anuais de formación.
Tras o acto de inauguración, a cargo da responsable confederal de Muller, Mari Luz González Rodríguez, desenvolveuse o primeiro relatorio “Transitando o feminismo, crónicas subxectivas”, por Elvira Siurana Zaragoza, activista feminista de longa traxectoria e recoñecido prestixio, que fixo un percorrido na historia dos dereitos das mulleres no estado español e o feminismo desde as súas orixes ata chegar á actualidade. Falou da formación feminista, das pioneiras na loita, das reaccións misóxinas, das accións e os logros conseguidos, ata chegar á realidade actual.
No debate analizamos os logros e retrocesos, facendo balance dos dereitos acadados e lamentando que hoxe aínda seguimos a ser asasinadas por seren mulleres e sentimos que os nosos dereitos están no aire.
O outro relatorio “Da loita transexual á loita transfeminista”, correu a cargo da activista e sindicalista galega Laura Bugalho Sánchez, que nos explicou a situación dos movementos transexuais en España neste momento, como as redes establecidas entre distintos colectivos fortaleceron estes movementos, que a súa confluencia co feminismo deu lugar ao transfeminismo e a importancia das organizacións Chrysallis, de nais e pais de nenas e nenos trans que supón un punto de inflexión de carácter revolucionario, antes soñado por lxs Trans maiores, que abre novas sendas de loita e amplifica as nosas voces.
Debatemos sobre a necesidade da educación transversal e da necesidade de falar de xustiza e non de tolerancia, quedando claro que a pesar dos avances, aínda queda moito camiño por percorrer.
En canto aos talleres, Rosa Márquez Tejón -experta en comunicación- impartiu o de “ComÚNICA (falar en público é doado, e o sabes)”, no que a partir dunha análise do que é a comunicación e dos diferentes elementos que interveñen nela- indicounos estratexias para falar en público e evitar o sentimento de pánico que en ocasións nos impide falar axeitadamente, por exemplo respirar correctamente, exercicios de relaxación previos ao discurso, postura máis acaída ou tomar contacto previo para coñecer o foro onde imos intervir.
Mariela Burgos Leguiza -Psicóloga experta en xénero- impartiu o taller de “Autocoñecemento e Imaxe Persoal”, que nos axudou a coñecernos mellor a nós mesmas dende unha análise interna da nosa imaxe pública, persoal, individual e colectiva, mellorando así a nosa autoestima e as relacións persoais, gañando en seguridade e empoderamiento. .
En canto ás conclusións das Xornadas, quedou patente a necesidade de continuar a loita feminista e as alianzas entre nós ante o ataque patriarcal e o rearmamento do machismo, xa que cada vez que conseguimos un logro, a reacción misóxina é tremenda. É moito o andado, pero o camiño é longo e queda moito aínda por percorrer.
Por todo, a conclusión é o mesmo lema das Xornadas: as loitas feministas, motor do cambio.
Organización de Mulleres
Confederación Intersindical
Madrid, 10 de abril de 2016