Oposicións 2017
Rozamos o equinocio de primavera e aínda nada sabemos en firme sobre as oposicións no noso país.
Todo son dis que din e especulacións. Todo, impropio do que debería ser unha convocatoria seria por parte da Consellería, logo de publicitar a eito tanto as oposicións coma as especialidades e o número de prazas por parte do Conselleiro.
No STEG cremos que non se pode andar xogando coa incertidume e co futuro, non só de quen prepara as oposicións senón dun sistema público que precisa dunha plantilla estable de docentes nas súas ringleiras para poder atender e facer un mínimo seguemento do alumnado e que os programas educativos dos centros poidan ter continuidade.
Se a esta desidia da Consellería lle sumamos o seu interese en non aumentar a oferta de prazas, temos un anuncio preelectoralista e benévolo co goberno central que só se ocupa de meter man na saca dos votos e non demostra unha verdadeira preocupación por fornecer o noso ensino público.
A sabendas das claras intencións da Consellería o STEG esíxelle a obriga de convocar as oposicións Si ou Si. Non hai outra opción, xa que deberían ter sido previstas nos calendarios anuais como se veu facendo ate ó de agora.
Que non estean fixados os orzamentos do estado, non é excusa para que a Consellería se escude neste argumento tan absurdo, cando ten de sobra unha marxe de acción ampla para poder secundar a convocatoria ou cando dende o goberno central se poden habilitar mecanismos para realizar unha convocatoria con garantías legais plenas.
A falta de respecto coa que se trata as opositoras e opositores queda amplamente demostrada por esta Consellería que nin toma en conta o esforzo e os cartos investidos na preparación das mesmas, nin tampouco toma en serio o fortalecemento dun sistema educativo público tan mermado e boicoteado. Un ataque máis á pública e van...
Que non nos enganen. Queremos oposicións e queremos un número de prazas reais e necesarias non ridículas ofertas feitas de maneira populista.
-documento en pdf
Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
15 de marzo de 2017