Recórdase a todos os centros educativos que é obrigatorio comunicar aos respectivos servizos de Persoal (Servizo de profesorado de Primaria ou Servizo de profesorado de Secundaria) o cesamento dos substitutos no mesmo día no que se produce para que poidan ser incorporados novamente ás listas e poidan ser de novo chamados con ocasión de vacante. Isto é moi importante e xa se viña facendo así en anos anteriores (avísase para que os centros que non o estean facendo cumpran con este requisito xa que prexudicarían gravemente aos interesados de non facelo así).
A data do cesamento do substituto/a ten que coincidir coa data da alta do titular. É dicir o día que o titular recibe a alta traballa o substituto e o titular incorpórase ao día seguinte da alta recibida.
Os datos que hai que enviar á Consellería do cesamento dos substitutos mediante fax (981 545484) dirixido ó Servizo de profesorado correspondente son os seguintes : NIF (incluída a letra), Nome e apelidos e data do cesamento. Estes datos poden tamén ser enviados por correo electrónico a persoal.secundaria@edu.xunta.es ou persoal.primaria@edu.xunta.es (segundo corresponda en cada caso e no mesmo día do cesamento do/a substituto/a). Na Consellería non se necesita ningún outro documento, xa que tanto os documentos da toma de posesión como as baixas e altas do profesorado do centro deben remitirse á Delegación provincial que corresponda.
Avísase igualmente que para comunicar coas persoas que levan o tema de substitucións deben chamar ós teléfonos 981 544488 ( no caso do profesorado de Primaria) e ós teléfonos 981 545408 ou 981 545407 ( no caso do profesorado restante: Secundaria, Formación Profesional, etc).
Aínda que a maioría dos centros xa o vén facendo segundo se pide, agradecemos a colaboración de todos para evitar posibles problemas ó profesorado afectado.