O steg defende a unidade sindical como elemento indispensábel prá mobilización da comunidade educativa.
O steg defende a unidade sindical como elemento indispensábel prá mobilización da comunidade educativa.
O actual contexto político non convida ao optimismo, tampouco no ensino público. No ecuador da lexislatura de Feijóo observamos que, en xeral, as organizacións políticas que poden constituír a alternativa ao goberno do PP, volven alimentar en parte a fábula da autosuficiencia, construíndo o propio relato con sumo coidado, cousa que é lexítima, pero descoidando a construción do Gran Relato, aquel que poida ser asumido por unha potencial maioría social da esquerda do noso país. Sendo lexítimo tamén que cadaquén estableza as súas prioridades e tente cumprir co seu programa, non parece un obxectivo menor o de sacar canto antes o goberno actual, tendo en conta o perxudiciais e devastadoras que foron as súas políticas para o groso da cidadanía: a degradación da nosa calidade democrática, o debilitamento dos servizos públicos, pero tamén no ensino os males que vimos sinalando e denunciando dende hai tempo, deberan ser motivos abondo pra considerar unha perspectiva máis ampla de actuación.
No plano sindical do ensino, as organizacións non somos alleas a certas dinámicas que con máis frecuencia da debida, veñen debilitando a resposta da cidadanía diante dos abusos da Xunta. Unha maior mobilización da comunidade educativa só será posíbel a través da unidade sindical de todas as forzas que realmente loitan por un ensino público e de calidade.
Observamos con preocupación como en datas recentes e en citas que están por chegar, as organizacións sindicais do ensino inciden de novo en tirar cada unha polo seu lado con convocatorias unilaterais de mobilizacións ou manifestacións, amosando pouco interese en coordinarse minimamente para unha acción sindical conxunta e eficaz que trascenda os intereses propios de cadaquén, e que puidese traducirse nunha mobilización efectiva da comunidade educativa e da cidadanía. ‘A esquerda vencida, xamais será unida’ era o verso premonitorio de Parra. Resulta paradoxal, iso si, que o único indicio de unidade sindical se dea na defensa da escola concertada. Mais aí o STEG teno claro: non traballamos coa escola concertada. A escola debe ser pública.
O STEG, tal e como figura nos seus estatutos, defendeu sempre a unidade sindical e a necesidade de dialogar e de se entender co resto de forzas sindicais que comparten valores semellantes, no camiño dunha defensa efectiva do ensino público, mais temos a sensación de que cadaquén anda sachando na súa leira namentres a Consellería nos move os marcos a todas.
Cómpre mudar estas dinámicas e o STEG, unha vez máis, ofrécese a dialogar e a aunar esforzos a partires de mínimos asumíbeis por todas. Non vaia ser que nos pase como no verso inolvidábel do Manuel Antonio: “ficamos nós sós, sen o mar e sen o barco, nós”.
-documento en pdf
COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG
4 DE MAIO DE 2018