STEG ó día · STEG opina

07-10-2021

Carta aberta do STEG ás organizacións sindicais do ensino público galego

COMEZO DE CURSO 21-22:

Compañeiras e compañeiros de loita:

Dende o STEG observamos con preocupación, probabelmente coma todas e todos vós, a deriva do ensino público galego debido á xestión da Consellería de Educación do Goberno de Feijóo. De todas é coñecido que vimos de atravesar unha grave pandemia que deteriorou a nosa vida en sociedade e, tamén, a calidade do ensino público. Non é a primeira vez, como ben sabedes, que nos diriximos por escrito a cada unha de vós, poñéndonos á vosa disposición, no camiño de acadar unha verdadeira unión sindical que, malia as diferenzas lóxicas de criterio –e mesmo ideolóxicas-, acade un mínimo común: a loita pola calidade do ensino público, o benestar do alumnado e da comunidade educativa e a defensa das condicións de traballo das súas traballadoras e traballadores.

Non foi un camiño doado pero, se lembrades, en decembro de 2019, as organizacións sindicais fomos quen de unírmonos e saír á rúa da man a loitar. Houbo erros? Si. Puidemos facelo mellor? Tamén. Serviu para algo? Malia todo, estamos persuadidas de que si. Ningún camiño se abre para quen non é quen de comezar a percorrelo. Todos os procesos de loita –individual, colectiva, política ou sindical- conlevan unha dose grande de frustración; agora ben, tamén un elemento importante de esperanza: a de mudar o estado de cousas.

O que aconteceu durante a pandemia –antes e despois do confinamento-, xa o sabemos: desoíronse as voces dos diferentes axentes da comunidade educativa, non se tomaron as medidas que se debían tomar, deteriorouse o noso sistema educativo e, finalmente, pagárono coma sempre aquelas e aqueles que menos teñen e máis o precisan. Aínda descoñecemos os efectos que estas decisións tiveron no que será o futuro de miles de persoas.

Mais iso non impediu que no verán de 2020 volvésemos ir da man á rúa e tentar mobilizármonos canda vós contra este desleixo. Ás mobilizacións dos meses de verán, seguiunas unha convocatoria de folga, boicoteada pola Consellería no comezo de curso. Non estivemos todas, novamente cometemos erros, novamente puido ser mellor e máis secundada, pero esta iniciativa non caeu en saco roto. A conselleira de educación daquel momento, xunto cos principais responsábeis do seu gabinete, foron barridos de inmediato dos seus cargos. É difícil establecer unha causa-efecto, aínda que tamén sabemos que as cousas en política non acontecen por casualidade.

Durante o curso pasado continuamos apelando a incidir nesa unión sindical que xulgamos efectiva, alén de intereses sindicais de parte que poden contentar á parroquia de cadaquén para consumo propio, pero que resultan en todo punto insuficientes para enfrontar a magnitude das agresións que está a recibir o ensino público. Sabedes que demos a batalla, entre outras cousas, pola defensa do profesorado técnico de formación profesional e que buscamos tamén aí esa unión, pedíndovola expresamente. Manifestámonos contra o peche das escolas no rural e pedimos dende o primeiro momento que o profesorado tivese tamén prioridade no proceso de vacinación. Acompañamos outros colectivos afíns á defensa da lingua, en favor de inicativas que garantan a súa pervivencia... Con frecuencia os nosos esforzos non abondan, só algunha vez teñen o efecto desexado.

Sexa como for, un ano despois daqueles feitos, malia termos unha situación sanitaria manifestamente mellor, o panorama deixa moito que desexar: os sucesivos recortes de profesorado, a redución da oferta educativa para o alumnado de secundaria, maiormente na contorna rural, a privatización de servizos complementarios nos centros educativos –especialmente a cuestión do transporte no rural-, a preocupante situación da lingua galega ao respecto do informe publicado onte pola RAG ou a proliferación de contratos por horas –ao xeito do que xa acontece na sanidade pública galega, por exemplo-, conlevarán irremediabelmente unha precarización obxectiva das condicións de traballo e un deterioro da calidade do ensino público en distintos planos e niveis, malia a propaganda desta Consellería.

Observamos con preocupación que, de novo, aquela mínima unión sindical que fomos quen de acadar nalgúns momentos, pasa a un segundo plano consonte avanza o tempo e malia a grave situación. Descoñecemos se, o feito de que en 2022 haxa eleccións sindicais, ten algo que ver neste abandono. En todo caso, xulgámolo un erro. Porén, cremos que aínda estamos a tempo de ter amplitude de miras, xenerosidade e perspectiva para volver encontrármonos. Sabemos a quen nos diriximos e coñecemos dende onde falamos: non somos alleas ás nosas limitacións, é probábel que teñamos algunha virtude. Cónstanos tamén o voso compromiso e a importancia do voso traballo. Por iso é polo que nos diriximos a vós, pedíndovos que sexamos quen de acadar unha vía de loita común, alomenos naquelas cuestións en que podemos estar dacordo –sabemos que son moitas-.

Quedamos ao voso dispor para escoitármonos, falarmos e acadar acordos que nos remitan artellar vías de loita común que promovan a verdadeira mobilización das traballadoras e traballadores do ensino público de Galiza, independentemente de todas as outras cuestións lexítimas que cada organización, consonte ao seu ideario e obxectivos, xulgue pertinente seguir.

-documento en pdf

Recibide un saúdo

 

  COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG; 
7 de outubro de 2021

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza