Coleccións . Buscar e recompilar obxectos dunha mesma clase (postais do mundo, moedas, selos, xoguetes antigos, libros escolares ou discos doutros tempos, etc.) é unha soa parte das posibilidades pedagóxicas que achega realizar unha colección. Podemos ensinarlles a clasificar, ordenar, diferenciar, reutilizar, conservar, reciclar, así como outros valores como as estratexias de investigación para atopar obxectos raros ou as habilidades sociais para o intercambio de obxectos con outros nenos doutras comarcas ou países. Ao final de curso pódense exhibir os resultados das investigacións, os catálogos en forma dunha exposición ou cunha presentación ppt que destaque o interese dos obxectos recompilados.
Exposicións. O alumnado podería encargarse, ao longo dun período de tempo determinado, de organizar algunha exposición de obxectos ou producións propias e doutros compañeiros, previamente seleccionados. O profesorado debería encamiñar e orientar sobre os motivos para a elección do tema da exposición, os recursos para a difusión previa da mesma, a súa duración, a elección e acondicionamento do lugar, os recursos expositivos, a recompilación dos obxectos que se vaian a expor, a distribución das tarefas mentres dure a mostra, etc.