18 de outubro
Segundo a Asociación Española para o Estudo da Menopausa (AEEM), a menopausa é un momento da vida da muller caracterizado polo cese da menstruación, e que inicia unha etapa da vida que se coñece como climaterio. Esta etapa representa a transición entre o período fértil e a vellez. A pesares de non ser una enfermidade, provoca, na maioría das mulleres, síntomas molestos que alteran a dinámica social e laboral.
Polo menos un terzo da súa vida, as mulleres pasarana na etapa da menopausa. Porén, a desinformación e a asociación histórica entre a muller e o seu rol reprodutivo na sociedade desembocou en que, a pesares de ser un proceso natural, moitos dos cambios, físicos, cognitivos e emocionais, que se producen nesta etapa, seguen a ser descoñecidos para a maioría. Outros síntomas, como os sofocos, son motivo de chistes ou mofas que non son máis que outra forma de desacreditar ás mulleres pola súa idade. As percepcións negativas da menopausa vense acentuadas nunha sociedade patriarcal, que emprega frases sarcásticas, pexorativas e despectivas para falar desta etapa.
Dende NO PAUSA, organización latinoamericana, búscase visibilizar a menopausa cunha perspectiva contemporánea e interxeracional. Reivindican que é a hora de tomar conciencia do reducionismo e a invisibilidade sobre toda unha etapa de transición que ten a súa lóxica máis profunda na asociación feminidade-menstruación e no rol histórico maternal que a muller tivo que desenvolver no marco dunha estrutura social que nos relega cando perdemos a nosa capacidade reprodutiva.
Dende o ano 2000 celébrase, o 18 de outubro, o Día Mundial da Menopausa, porque é urxente, nunha sociedade que premia por riba de todo a beleza e a xuventude na muller, crear conciencia de que a menopausa é unha fase da vida da muller, dar a coñecer e naturalizar os cambios e os síntomas, e asociala a unha etapa nova e ilusionante.
Anna Freixa, catedrática de Psicoloxía Evolutiva da Universidade de Córdoba, autora do libro Sin reglas, que se centra na sexualidade das mulleres despois da menopausa, desmonta o macronegocio farmacéutico e médico coas mulleres nesta etapa, e conclúe que tralos sofocos do climaterio hai moita vida pracenteira. Asocia a menopausa a un tempo de crecemento, non de declive, e prevén ás mulleres ante as múltiples formas de incitación á enfermidade: convencer ás persoas saudábeis de que se non toman determinados tratamentos poden poñerse enfermas.
Tamén a xinecóloga Jen Gunter, autora de Manifiesto por la menopausia, denuncia que a visión negativa da menopausa, a concepción da menopausa como unha enfermidade, é unha construción do patriarcado que rexe nas sociedades occidentais como a nosa, nas que os homes deciden que atopan ou non aceptable ou desexable. Anima a todas as mulleres a esixir información fidedigna sobre o que van vivir nesta etapa para empoderarse e fuxir das inseguridades xeradas pola presión social, nun dos mellores momentos para a muller, no que acadou plenitude de coñecementos e moitas das súas metas persoais.
Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical queremos visibilizar socialmente a menopausa e abolir o edadismo. Falar desta etapa natural da vida da muller, compartir vivencias e sentimentos, é empoderarnos. Temos que sentirnos orgullosas das experiencias acumuladas e romper co código de silencio para apoiarnos.