Dende 2012 en diante
Reclamación das retencións vía IRPF dos permisos de maternidade e paternidade
A nosa asesoría xurídica vén de nos comunicar (logo de estudar dúas sentenzas sobre a cuestión de 3 de feb. de 2010 e de 6 de xullo de 2016, do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid), que ve viábel a reclamación para a devolución do IRPF correspondente á prestación por maternidade, no senso de que puidese resolverse favorabelmente aos intereses das traballadoras, no caso de ter disposto dun permiso de maternidade ou paternidade (dende 2012 en diante).
Esta interpretación abriu a vía á reclamación da devolución do IRPF, se ben o criterio da AEAT segue a ser que as prestacións complementarias que concede a Seguridade Social á muller durante a baixa maternal deberían considerarse unha renda e polo tanto terían que tributar. Así, as sentenzas do TSX de Madrid non establecen xurisprudencia, polo que nun primeiro momento deberase realizar o pago e, posteriormente, solicitar mediante reclamación administrativa de PAGOS INDEBIDOS ingresar a devolución do achegado (sen custo ou risco para a solicitante).
O prazo para resolver esta solicitude é de 6 meses, transcorrido ese tempo, de non ter resposta favorábel, as interesadas deberán acudir ou non á vía xudiciaria.
Tedes na vosa man unha información que podedes considerar se estivestes nesta situación e tamén estará ben que llo comuniquedes ás compañeiras e compañeiros que coñezades que, no caso de quereren facer esa reclamación, se poñan en contacto co sindicato. Todas as persoas interesadas podedes facelo a través das nosas sedes provinciais, onde dispoñemos dos formularios pertinentes a tal efecto e vos podemos axudar, afondando na cuestión.