Desplante das aseguradoras a MUFACE
As grandes mutuas privadas veñen de deixar plantada a Muface e non presentaron oferta para renovar a atención ás mutualistas que escollan a opción privada nos próximos dous anos. Alegan perdas millonarias e esixen un aumento de até 40% nas primas. Traducindo, queren beneficios a consta do desvío de máis fondos públicos a mans privadas. Este anuncio vén de ser lanzado recentemente nos medios de comunicación con ton alarmista e titulares dramáticos que falan de que un millón e medio de mutualistas poden ficar sen atención sanitaria.
Desde o STEG vemos unha oportunidade. Unha oportunidade para pasármonos á pública, a de todas e todos, a que non ten en conta a nosa condición física nin as nosas doenzas previas á hora de porlle un prezo á nosa asistencia. Aquela que ten entre os seus principios a universalidade e o dereito de todas as persoas a unha atención médica de calidade sen perseguir ningún lucro.
Agardemos que o Ministerio de Transición Dixital e Para a Función Pública, responsable de Muface, non ceda ás presións das empresas privadas que priman os beneficios económicos por riba da saúde das persoas, e non saque un novo prego aceptando as condicións abusivas que estas esixen. Pola contra, apostamos pola solución proposta pola Federación de Asociacións pola Sanidade Pública, que consistiría na prórroga forzosa do contrato actual durante o tempo necesario para unha transición progresiva de todas e todos os mutualistas (un 65% son docentes) á sanidade pública.
Se aínda non o fixeches, aproveita esta oportunidade, e pásate á pública;)