STEG ó día · Campañas · O STEG fronte á LOMCE

Desobedecer a LOMCE como imperativo pedagóxico e cívico

E...unha vez aprobada a LOMCE, que facemos?

DESOBEDECER A LOMCE COMO IMPERATIVO PEDAGÓXICO E CÍVICO

A filósofa alemá Hannah Arendt define a desobediencia civil como unha das principais formas de activismo político legal e democrático. Remarcamos o de legal e democrático, na medida en que a desobediencia civil non pon en cuestión o modelo político existente, tendo como obxectivo central o incumprimento dunha norma para conseguir o ben común, obxectivo vertebrador da vida política democrática. Xa que logo, a desobediencia civil debe ser un elemento estrutural dun Estado de dereito. Coa desobediencia civil non se persegue un fin individual, unha especie de dispensa persoal para non acatar a lei ao estilo da obxección de conciencia, senón un fin social, comunitario, que se logrará coa substitución da norma obxecto da desobediencia por outra que responda mellor aos intereses xerais, ou ao que os clásicos denominaban o ben común.

A desobediencia civil tórnase imprescindible cando un goberno democrático emprega a súa maioría verticalmente, eliminando toda voz disidente e se constitúe, desde a legalidade, como un poder impermeable ás demandas e necesidades da poboación, atendendo só os ditados dos seus intereses particulares, aos que todas as persoas quedamos sometidas.

Pois ben, a LOMCE cumpre a maioría dos requisitos para a súa desobediencia:

• É unha lei dun partido político: imposta sen o mínimo consenso democrático.
• É unha lei elitista: non busca o ben común.
• Responde aos intereses de grupos de presión particulares: conferencia episcopal e patronal da concertada.
• É unha lei sexista: apoia con financiamento público idearios ultraconservadores e segregadores.
• É unha lei contraria á diversidade lingüística: potencia, coa falacia da suposta equidade, o castelán fronte ao galego, impedindo así o seu proceso de normalización.
• É unha lei pensada para o mercado laboral: o seu fin non é a formación de persoas iguais, libres, críticas e felices.

En definitiva, non é unha lei xusta e, como dixo Tocqueville, cando un goberno se volve destrutivo é dereito do pobo alteralo... e instituír un novo.

Desde o STEG pensamos que o noso dereito e o noso deber consiste en traballar con todos os instrumentos democráticos á nosa man para subverter pacificamente a que xa é considerada a peor lei educativa da historia recente. Recoñecendo todo o esforzo mobilizador da comunidade educativa previo e o conseguinte desgaste xerado, entendemos que mentres non se derrogue o monstro pedagóxico da LOMCE temos que continuar a loita, para que a mobilización realizada e todo o reivindicado ate o de agora en defensa do ensino non caia en saco roto.

Desde o STEG animamos a toda a comunidade educativa a realizar un exercicio de imaxinación para, entre todas e todos, atoparmos espazos de incumprimento que diminúan todo o posible o impacto da aplicación da LOMCE antes da súa desexada derrogación. Neste sentido, adiantamos algunhas propostas que coidamos son doadas de realizar:

• En canto ao carácter antidemocrático: o consello escolar seguirá a ter carácter decisorio.
• En canto ao apoio á concertada: promover desde os consellos escolares que os Concellos non cedan chan público para ese tipo de centros.
• En canto ao currículo: adaptar os currículos á realidade do alumando e seguir educando na diversidade e na tolerancia.
• En canto á relixión: mentres exista no currículo e sexa avaliable, o obxectivo inmediato é detraerlle toda a demanda que sexa posible. Para iso cómpre deseñar estratexias para facer que as materias que corresponden ás áreas de valores sociais e cívicos e valores éticos sexan materias de aprendizaxe interesantes e motivadoras e non padezan a competencia desleal das cualificacións de relixión que poidan ser avultadas a mantenta.
• En canto a segregación por expediente: non solicitar ser centro con especialización curricular (art. 121). Así evitaremos segregar ao alumnado de acordo co seu expediente e crear centros elitistas e centros/guetto, rompendo o principio de igualdade de oportunidades.
• En canto á competitividade entre centros: non solicitar as accións recollidas no art. 122Bis, xa que se trata de accións competitivas entre centros educativos, non cooperativas, para conseguir mencións honoríficas. En todo caso, fagamos proxectos cooperativos e coordinados cos centros da nosa zona, con intercambios de experiencias que enriquezan ao alumnado e ao profesorado e que contribúan para a cohesión social.

Son só algunhas ideas iniciais que teñen como obxectivo final a paralización da norma educativa e como obxectivo máis inmediato a proxección pública da nosa posición política e cívica para conseguirmos un posicionamento social cada vez máis amplo contra a LOMCE e a súa aplicación.

pdf co documento

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza