Día 21 de novembro en Vigo
Manifestación en defensa das pensións
MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DAS PENSIÓNS
Os sindicatos CGT, CUT, SF-INTERSINDICAL, STEG e SE, acordamos saír, en defensa das pensións, en manifestación baixo o lema “
Salvemos as pensións” que será o vindeiro día 21 de novembro en Vigo (20h. Praza de Fernando o Católico).
Despois de todos os recortes en servizos públicos, a suba da idade de xubilación aos 67 anos, a reforma laboral que permite o despedimento libre e demais agresións contra a clase traballadora, este Goberno lánzase a polas nosas pensións alegando o insostibilidade do sistema segundo o informe duns "expertos" nomeados para tal fin.
Mentres observamos como a clase política se instaura nun sistema de corrupción xeralizada, de prebendas económicas e amíguismos que fan ruborizar ao mundo enteiro, coa pasividade dos sindicatos maioritarios que fan do pacto a súa forma de supervivencia, aos traballadores e traballadoras, aplícansenos baixadas de salarios e pensións e castígasenos ao paro, aos desafiuzamentos, a eliminación e privatización dos servizos públicos, facendo cada vez máis insostible a nosa vida.
É hora de sacalos a todos das súas poltronas de ouro, de recuperar o que é noso e que nos están a roubar con patente de corso emitida polas elites financeiras co soporte dunha democracia burlesca que ri de todas e de todos nos.
Por todo isto, facemos un chamamento á poboación á participación na manifestación convocada o xoves día 21 de novembro en Vigo ás 20:00h. con saída da Praza de Fernando o Católico.