Día 4 de novembro. Día da Ciencia en Galego

Desde o STEG queremos celebrar a iniciativa de promover o día 4 de novembro como día da Ciencia en Galego. Desexamos que esta data sexa a porta que incite á reflexión sobre o papel da ciencia na nosa cultura, e pularemos para que, máis alá dunha celebración puntual cada ano, sexa unha práctica cotiá no labor educativo.
Pensar cientificamente é pensar criticamente; xa que logo, formar ao noso alumnado nun rigoroso pensamento científico é a mellor ferramenta posible para loitar contra a manipulación e a demagoxia que pretende convencernos, por exemplo, de que o galego non é unha lingua apta para facer Ciencia. Convidámosvos, xa que logo, a sumarvos desde o voso centro a esta iniciativa que bota a andar este ano,realizando algunha das actividades propostas en
http://www.cienciaengalego.org/ ou promovendo outras que podedes compartir cos demais centros do país a través desta mesma páxina web.
Desde o STEG propoñémosvos para que incluades nas actividades deste día 4 de novembro unha reflexión sobre as
mulleres galegas que veñen facendo ciencia dende hai décadas, desafiando prexuízos que aínda hoxe arredan ás nosas alumnas do ámbito científico-técnico. Cremos que son un exemplo valiosísimo do que queremos transmitir este día: que nas nosas mans está eliminar as fronteiras dos dereitos. Que nas nosas mans está conquistar O dereito a gozar da ciencia en galego.