23 de setembro
O 23 de setembro é o Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de mulleres, nenas e nenos.
De acordo coa definición de trata de seres humanos elaborada co gallo da Convención das Nacións Unidas contra a Delincuencia Organizada Transnacional en decembro do ano 2000, máis coñecido como o Protocolo de Palermo a trata é:
"Recrutamento, transporte, embarque ou recepción de persoas, por medio de ameaza, uso da forza, coacción, fraude, engano, abuso de poder ou de situacións de vulnerabilidade, ou mediando pago ou beneficio económico na obtención do consentimento dunha persoa para que ceda o control sobre outra co propósito da súa explotación. A explotación inclúe, como mínimo, a derivada da prostitución e doutras formas de explotación sexual, traballos ou servizos forzados, escravitude ou prácticas similares, servidume e extracción de órganos".
A trata con fins de explotación sexual é un acto desprezábel que ademais dunha forma de escravitude, pois obriga ás persoas nesta situación a sacar proveito para outros, fai que se considere aos seres humanos como mercancía que se pode mercar e vender. Os datos amosan que maioritariamente quen sofre este tipo de escravitude son mulleres e nenas. Segundo o Informe Mundial sobre a Trata de Persoas 2020, publicado pola Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (UNODC), un 50 % das vítimas de trata de persoas no mundo son sometidas a explotación sexual. O 65 % das vítimas da trata no mundo son mulleres e nenas.
Actualmente este feito é preocupante e a globalización na que nos vemos inmersos fai que teña unhas dimensións alarmantes pois xera grandes beneficios. De feito, é un dos tres negocios ilícitos que máis beneficios xera xunto ao tráfico de drogas e de armas.
Por outro lado, é tamén coñecido que en situacións de crise as persoas máis vulnerábeis son as que máis doado poden caer neste tipo de tráfico de persoas, aí está o exemplo de moitas mulleres e menores, fuxindo da guerra de Ucraína acaban caendo nas garras destas mafias que se dedican ao secuestro destas persoas en situación de vulnerabilidade.
Dende a Organización de Mulleres da CI seguiremos denunciando estes feitos, é necesario que a cidadanía saiba que a trata de mulleres para a explotación sexual é un delito grave e que non deben colaborar ou mirar para outro lado ante este tipo de accións. Detrás de cada muller en situación de explotación sexual hai mafias que se están a lucrar. Non sexamos cómplices.
Ademais, temos que ter claro que todo tipo de explotación sexual atenta contra dereitos fundamentais, tales como o dereito á liberdade, á integridade física, á liberdade sexual, á saúde e sobre todo á dignidade humana.
Dende a Organización de Mulleres denunciamos a trata e a explotación de mulleres e nenas e esiximos que todos os gobernos, así como as institucións internacionais (Organización das Nacións Unidas, Unión Europea, Organización Internacional do Traballo, etc.) tomen as medidas necesarias para a erradicación destes actos tan violentos en contra dos dereitos humanos máis elementais