24 de maio
A comezos da década de 1980, un grupo de feministas uníronse para protestar polo incremento en gastos militares e armamento nuclear. Dende entón, o 24 de maio, Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarmamento é un importante recordatorio para o movemento feminista, da necesidade de traballar pola pacificación mundial. Tamén é un bo día para lembrar algunhas das razóns polas que o movemento feminista segue apoiando o desarmamento e a desmilitarización a nivel mundial:
1. É necesario romper a perniciosa relación entre militarismo e violencia de xénero. Tanto nas zonas en guerra, como nos territorios con presenza de tropas supostamente pacificadoras perpetúase o horrendo ciclo da violencia de xénero: mulleres, nenas e persoas LGBTQ+ sofren violencia sexual en maior grao que o resto da poboación a mans das forzas militares. Ao mesmo tempo, o fácil acceso ás armas por parte da poboación civil, facilita e normaliza a violencia exercida contra as mulleres. Ao integrar o desarmamento e a desmilitarización como elemento fundamental do movemento feminista, contribuímos a debilitar as estruturas patriarcais que vertebran todas as organizacións militares e empoderamos a quen tradicionalmente son vítimas dentro do modelo patriarco-militar.
2. Os fondos e recursos vitais que deberían ser destinados a servizos tales como saúde, educación en igualdade e programas de redución de pobreza e exclusión son a miúdo desviados a partidas militares co cal se agravan as desigualdades sociais e de xénero.
3. A guerra pon en perigo a superviviencia da vida no planeta. Debido ao consumo de inmensas cantidades de combustible e a emisión de gases nocivos, a industria armamentística é unha das maiores contaminantes, polo que reducir a produción de armas supón reducir as emisións de carbono a gran escala. Non podemos esquecer que xunto coa infancia, as mulleres e en particular mulleres racializadas e ás mulleres depauperadas son quen maioritariamente sofren as consecuencias da degradación do noso hábitat.
4. Ademais, a loita polo desarmamento e a eliminación do armamento nuclear son catalizadores dos procesos de paz porque a menor dispoñibilidade de armas e o desmantelamento da cultura do medo que nutre a violencia reduce a probabilidade de que xurdan conflitos armados e marca a senda cara á adopción de solucións diplomáticas como vía preferente para a resolución de conflitos. A través do desarmamento podemos pavimentar o camiño cara a un mundo no que o diálogo, o entendemento e a colaboración prevalezan sobre a hostilidade e a belixerancia.
5. O feminismo tamén subliña a maneira en que o discurso militarista está dominado pola normativa de xénero, en particular polas masculinidades nocivas que imaxinan a violencia como unha fortaleza e as armas como sinónimo de seguridade. O feminismo presenta perspectivas alternativas, discursos inclusivos e enfoques que mostran a potencial vitalidade das políticas de diálogo e negociación para o desarmamento e a paz, en oposición á lóxica da destrución e o derramamento de sangue. As feministas debemos seguir defendendo un imaxinario colectivo propio e afastado do marco de referencia patriarco-capitalista e continuar construíndo espazos para o diálogo e a empatía.
6. O feminismo denuncia que as mulleres estamos infrarrepresentadas na diplomacia e a política exterior das distintas nacionalidades. Mais de vinte anos despois da adopción da Resolución 1325 do Consello de Seguridade da ONU en 2000, as mulleres aínda ostentan postos de menor calado que os seus colegas homes ou están totalmente ausentes nas delegacións dos países membros para o control de armas e nos tratados de armamento a nivel internacional. Pola contra, no que se refire ás consecuencias desas políticas, as mulleres están desgraciadamente sobrerrepresentadas.
7. Como feministas, a loita pola paz e o desarmamento nuclear non é soamente un xesto simbólico senón un paso transformador cara a forxar un mundo libre de guerras e máis seguro para todas. Como feministas tratamos de desmantelar as estruturas patriarcais que perpetúan o militarismo para poder crear unha contorna no que os conflitos sexan unha excepción. Xuntas podemos plantar cara á máxima expresión da violencia, que é a guerra armada e cimentar un futuro cuxos piares sexan a paz, a xustiza e a harmonía no planeta.