Secretaría da Muller · Artigos de Opinión

Día Internacional do dereito ao aborto

28 de setembro

28 de Setembro, Día Internacional do Dereito ao Aborto
A ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG EN DEFENSA DO ABORTO SEGURO E LEGAL SÚMASE AO CLAMOR SOCIAL QUE REXEITA A REFORMA DA LEY DA SAÚDE SEXUAL E REPRODUTIVA.

Moitas son as voces que se escoitaron a favor e en contra da tan anunciada e ao mesmo tempo oculta reforma da Lei de saúde sexual e reprodutiva. Todo un revolto de formulacións, que teñen como único obxectivo común, á luz dunha análise crítica e racional, a eliminación da muller como figura xurídica plena, como ser adulto, libre, responsable e consciente das súas decisións, a súa palabra e dos avatares que rodean a súa vida.
Pero máis aló das discusións ideolóxicas está a realidade palpábel, que reclama solucións axustadas a dereito das mulleres españolas que se atopan nesta problemática e a quen este Estado debe amparo, respecto e cobertura asistencial, independentemente do ideario parcial e temporal do grupo político que goberne. Un Estado de Dereito e democrático ten a obriga de gobernar para todos e todas as súas cidadás.

Como dato axustado á realidade, e a partir do traballo presentado pola Asociación de Clínicas Acreditadas no Estado Español para o IVE, contamos con que o 95,7 % das mulleres que solicitaron unha interrupción da gestación en 2012 fano dende o convencemento que dá unha decisión moi meditada e elaborada; o 48,4% non renunciaría ao aborto aínda que cambiase a súa situación persoal, social, afectiva, laboral ou económica, porque a súa decisión é non ser nais neste momento das súas vidas; o 8,8% por razóns de idade, e 5,08% por patoloxía fetal ou materna.

É esta unha reforma legislativa que carece da máis elemental norma do xogo democrático, non escoita ás súas usuarias, fai caso omiso ás maiorías, impón, a golpe de oportunismo parlamentario, decisións políticas sobre decisións individuais que afectan ao dereito de liberdade de conciencia das mulleres, e antepón á atención dunha sociedade pluralista unha pretensión partidista unívoca e excluínte: derribar todos e cada un dos avances conseguidos pola loita feminista e por unha sociedade que clama e necesita a igualdade como alicerce fundamental da súa Constitución. Esta realidade, estes datos, estas vidas do 62, 35% de mulleres que abortan por causas non económicas nin laborais nin afectivas, son as que piden unha solución á súa necesidade, e é a elas e a todas nós a quen a próxima lei do aborto déixanos desprotexidas, negándonos unha obrigada, correcta e lexítima atención no sistema sanitario público do noso país do que somos cidadás contribuíntes de pleno dereito. Esta lei obrigaranos a parir por Imperativo Legal, negaranos a palabra, a liberdade e nos proscribirá ao ámbito da delincuencia e da clandestinidade de calamidades pasadas. Pero, iso si, á fin e ao cabo, é unha lei “bendicida”, sumisa aos ditames da parte máis reaccionaria da Igrexa católica, as súas “ordes”xerarquizadas e patriarcais, e publicista daquela frase de Pablo mulier tacet, “que cale a muller”.

Ante esta situación, solicitamos ao goberno: non nos condenen, non nos acusen. Pola contra …….eduquen, formen en contidos afectivo-sexuais nas escolas, impulsen persoas responsables, solidarias e libres, non nos segreguen por sexos, potencien a educación e a sanidade pública, melloren as condicións laborais e conciliatorias, reforcen e atendan as demandas de persoas dependentes vivas que necesitan dunha protección económica e asistencial por parte do Estado, para que quen decida libremente continuar coa sua xestación, póidao facer con dignidade, pero sobre todo NON ATENTEN CONTRA O NOSO DEREITO DE LIBRE CONCIENCIA E NON NOS IMPOÑAN O FERMOSO GOZO DE PROCREAR COMO UNHA CONDENA PERPETUA NON REVISABLE!

Por iso, como o día 28 de Setembro foi o Día de Acción Global polo aborto seguro e legal, a Asemblea de Mulleres do STEG quere levantar a súa voz unha vez máis e sumarse á de milleiros de mulleres e homes que reivindican o dereito a unha interrupción da xestación en condicións dignas, garantidas e legais. Por iso, esiximos ao goberno que respete as liberdades individuais que como mulleres temos, que manteña como mínimos as condicións da actual lei e que deixe de actuar como pastor de rebaño que necesita ser redimido.

Somos mulleres libres, morais e responsables da nosa voz e os nosos destinos.

Asemblea de Mulleres do STEG
Galiza, 28 de Setembro de 2013

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza