23 de setembro
“DÍA INTERNACIONAL CONTRA A EXPLOTACIÓN SEXUAL E TRATA DE PERSOAS”
O 23 de setembro de 2024 reivindicamos o “Día Internacional contra a explotación sexual e trata de persoas” segundo estableceu a Conferencia Mundial de Mulleres en Bangladesh.
Desde a Organización de Mulleres, volvemos denunciar a trata de persoas, en especial, das mulleres e nenas de 20 nacionalidades diferentes, que son maioritariamente as vítimas da explotación sexual no noso país. Segundo os datos do Ministerio do Interior, produciuse un incremento das vítimas de explotación sexual no 2023. A vulnerabilidade de moitas mulleres e nenas na nosa sociedade convértenos no albo fácil de proxenetas e compradores de actos sexuais.
A trata de persoas supón o atentado máis grave contra a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a súa prevalencia nos sistemas xurídicos dos Estados de Dereito do Mundo. Os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros. A Constitución Española non utiliza a expresión “liberdade sexual”, pero no seu texto garante unha serie de dereitos e principios fundamentais para a igualdade ante a lei, dereito á intimidade, accións para promover a liberdade e igualdade, polo que toda persoa debería de estar amparada legalmente e protexida ante os abusos ou agresións que se lle poidan ocasionar pola súa indefensión e vulnerablidade socioeconómica.
Con todo, non parece que os esforzos da Administración vaian encamiñados a liberar a mulleres e nenas do xugo de trata e a explotación sexual. Segundo os datos do propio Ministerio, destínanse practicamente os mesmos recursos e medios institucionais ano tras ano, que proban ser moi insuficientes para terminar con este mal que atenta contra os nosos dereitos fundamentais.
Desde a unidade social, e en especial desde o movemento feminista, ademais de apoiar e mostrar sororidade coas vítimas de violencia de xénero, mulleres e nenas abusadas e violadas, nais discriminadas, mulleres coidadoras de familiares, profesionais que tropezan cun teito de cristal, nenas apartadas dos estudos científicos, mulleres relegadas ao traballo de tempo parcial e reducións de xornada, traballadoras de tarefas mecánicas propias de enfermidades laborais, e outras actitudes que nos denigran e apartan da igualdade real, debemos de traballar por conseguir unha sociedade máis xusta e segura para que ningunha situación económica, social ou laboral invisibilice a unha muller ou nena e a relegue un nicho vulnerable de trata e explotación, lonxe da protección que necesita.
Os explotadores sexuais áchanse en calquera recuncho do noso territorio e en calquera dimensión social, cun ánimo común de traficar e someter sexualmente a un ser humano, unido, na maioría dos casos, a un enriquecemento económico. Como cidadáns e cidadás, debemos de rexeitar sen fisuras esta práctica, aplicando unha política dunha tolerancia cero para aqueles que cren que a escravitude máis antiga do mundo debería ser perpetuada para o seu beneficio, banalizando o sufrimento e a denigración que iso leva aparellada.
Doutra banda, as vítimas xa mergulladas nesta espiral de violencia deben atopar saídas reais con axudas económicas, axudas para o acceso á vivenda, ao emprego ou á formación e a expedición da súa residencia temporal, no caso de migrantes. Este amparo normativo debe de ir acompañado cun incremento da penalización dos proxenetas e explotadores. De ningunha maneira podemos branquear a súa situación converténdoos en empresarios ou en cidadáns exemplares.
Sirva este día para facer unha profunda reflexión sobre esta traxedia humana e á sociedade máis solidaria e xusta, a que queremos para todas e todos.
Asemblea de Mulleres do STEG