Secretaría da Muller · Comunicados

Día mundial das e dos docentes

5 de outubro

Celebrado anualmente o 5 de outubro dende 1994, o Día mundial das e dos docentes conmemora o aniversario da subscrición da  Recomendación da Organización Internacional do Traballo e a UNESCO relativa á Situación do Persoal Docente (1966). Esta Recomendación establece criterios de referencia en canto aos dereitos e responsabilidades do persoal docente e normas para a súa formación inicial e perfeccionamento, a contratación, o emprego, e as condicións de ensinanza e aprendizaxe.

A  UNESCO cifra en 69 millóns o déficit de docentes a nivel mundial. A escaseza é máis aguda en África e o sur de Asia, onde as cifras de matriculación estanse disparando como consecuencia do cambio demográfico e dos esforzos por promover una maior igualdade, o que significa que máis nenas e mulleres cursan estudos e, cada vez máis, en niveis superiores. Ademais, a profesión ten dificultades para atraer, recrutar e reter a novos talentos, xa que sofre un estatus bastante baixo e unha posición social que non se corresponde coa importancia que se lle debe dar. En resumo, a nivel mundial o número de docentes é insuficiente, as aulas están superpoboadas e o persoal atópase sobrecargado de traballo, desmotivado e sen apoio.

No Estado español, segundo un recente artigo de el diario.es (2 de outubro de 2022), a educación non conseguiu recuperarse dos recortes que o PP impuxo mediante a aprobación do Real Decreto 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto público no eido educativo que impulsou o exministro José Ignacio Wert e asinou Mariano Rajoy. Subiron as ratios alumnado/aula, aumentaron as horas lectivas do profesorado - o que implicou a redución de contratacións -, conxeláronse os soldos, deixáronse de cubrir as xubilacións, impúxose un período de 10 días para poder substituír as baixas; paralizáronse oposicións e esquilmouse a rede de formación, pechando centros de profesorado e recursos; e emerxeu a necesidade imperiosa de innovar. Citando a Rosa Cañadell (Cañadell, Corominas e Hirtt, 2020, p.121) “Non deixa de ser curioso que nun momento no que o gasto destinado a educación diminuíu de xeito exponencial ata situarnos á cola da Unión Europea, promoveuse a idea de que non hai que investir máis, senón cambiar as metodoloxías para mellorar a educación, e de que se no noso país a educación non funciona como sería desexable é por mor da falta de formación do profesorado (cuxa rede esquilmaron) e dunhas metodoloxías non apropiadas para a sociedade do século XXI. E así acalar as posibles protestas contra os recortes nos presupostos educativos”.

Paralelamente foise desvalorizando o prestixio de la profesión docente – xusto cando as mulleres son maioría, tamén nas ensinanzas medias-, así como o valor dos contidos -xusto cando se esixe a visibilización das mulleres nas diferentes ramas do saber ao longo da historia-. Parece ser que agora o máis importante é adestrar competencias e empregar soportes e aplicacións informáticas: innovar. Innovar o que? Acaso xa temos conseguida a igualdade de oportunidades, a emancipación individual e colectiva? Xa erradicamos o machismo, o racismo, a inxustiza social, o esgotamento do planeta?

Dende a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical seguimos loitando pola escola pública como obxectivo politicamente prioritario, pola dignificación e o prestixio da profesión docente e pola coeducación como única forma de ensinar ao alumnado, o futuro da nosa sociedade, unha cidadanía verdadeiramente democrática.

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza