A ASEMBLEA DE MULLERES DO STEG CO 5 DE OUTUBRO 2011 “DOCENTES POLA IGUALDADE”
Este ano celébrase o 5 de outubro, día mundial das e dos docentes, baixo o lema “Docentes pola igualdade”, unha temática que garda unha estreita relación coa Iª Conferencia Mundial de Mulleres en Educación celebrada a principios deste ano en Bangkok, a instancias da Internacional da Educación, e na que se participou como integrantes da IE. En dita Conferencia acordouse que “a igualdade de xénero é a base do que chamamos a xustiza social… A realización da igualdade entre os xéneros é unha etapa condicional e determinante na batalla para unha igualdade total onde non haxa espazo para o racismo, o antisemitismo, a islamofobia, a xenofobia, a homofobia … nin ceda espazo a outros males sociais, que teñen a súa base na ignorancia, o noso maior inimigo. Unha educación de calidade é a nosa arma principal para a combater.
Ademais concluíuse, entre outras cousas, que é o ensino público o único capaz de garantir unha educación en igualdade, ao permitir o acceso á mesma de todas as persoas en igualdade de condicións. Porén, non podemos obviar que a igualdade na escola ten aínda, mesmo no noso país, grandes retos:
- A pesar de que os sucesivos sistemas educativos lexislados desde os anos 80 recoñecen que a educación debe ser mixta, isto non garantiu a igualdade á que aspiramos, pois aínda sendo mellor opción que o sistema segregado, non logrou impor a coeducación nas aulas;
- Os libros de texto seguen obviando os logros e contribucións das mulleres aos diversos ámbitos do coñecemento recibido polo noso alumnado;
- A escola privada e concertada, en varios casos, practican a segregación por sexo do alumnado, non tanto na matriculación ou admisión do mesmo, como na escolarización práctica, amparándose en teorías pedagóxicas que dificilmente poden demostrar os beneficios da segregación, nin para os nenos nin por suposto para as nenas;
- Os proxectos de igualdade, xurdidos e implantados nos consellos escolares en cumprimento da Lei de Igualdade, a través das figuras garantes da mesma ( axentes de igualdade), apenas teñen incidencia nos centros educativos, téndose convertido, en moitas ocasións, en figuras ou non asumidas ou non coñecidas no centro educativo.
Todos estes retos son aos que como docentes nos debemos enfrontar á hora de abordar unha educación en igualdade. Por moi boas intencións que poñamos neste labor, os obstáculos ás veces fannos desistir, sobre todo cando a sociedade en xeral non asume ou non ten interese por asimilar que existe un problema, “o sexismo”, implantado de xeito persistente ao longo de milenios, e que se ben non parece importante é a base de comportamentos, en principio tampouco alarmantes, de desigualdade e disimetría no trato entre nenos e nenas, que ao medrar van reproducir dito comportamento perpetuando unha forma completamente inxusta de sociedade para as mulleres, quen terán que ver como os seus compañeiros de traballo cobran máis, ascenden laboralmente antes, teñen unha taxa de desemprego menor, as agriden verbal ou psicoloxicamente, cando non fisicamente, negan o poder sobre o seu propio corpo, esquecen nomealas, xustifican ese esquecemento en pos dunha igualdade xa lograda no noso país polo simple feito de ter unha lexislación garantista…
Neste último punto detémonos para incidir e indicar que cando un país, do primeiro mundo, cun nivel de cualificación académico considerábel e considerado, ten que lexislar sobre este tema, hai motivos para se preocupar; e cando un país se enfronta a dificultades económicas e o primeiro que fai é recortar en medidas que fomentan a igualdade ou apoian ás vítimas da violencia machista é realmente alarmante, incidindo aínda máis na necesidade de fomentar un labor docente por e para a igualdade.
Asemblea de Mulleres de STEG
5 de outubro 2011