Secretaría da Muller · Artigos de Opinión

Ecofeminismo

En 1974 Françoise D’Eaubonne en Le Féminisme ou la mort utiliza por primeira vez o termo Ecofeminismo. Desde este momento a historia do Ecofeminismo estivo marcada pola tensión creativa entre activistas e teóricas. Nos anos 80, o movimento ecofeminista adquire presenza a través de accións políticas concretas en Europa e Estados Unidos, iniciativas de mulleres sobre armas nucleares, pesticidas, enxeñeria xenética, conservación da auga e os bosques, aditivos canceríxenos nos alimentos, etc. Son accións directas, non violentas, incardinadas no movimento pacifista e ecoloxista e nas que se avoga por unhas relacións sociais pacíficas, por un sistema de vida de desenvolvimento sustentábel e non explotador.

Ao mesmo tempo, os movimentos de mulleres rurais nos países do Sul, demostraron que nas relacións tradicionais das mulleres co medio ambiente hai prácticas e pontos de vista que poden ser fundamentais para definir alternativas. Ímonos deter no emblemático caso do Movimento Chipko na India: esas mulleres que abrazadas ás árbores, para impedir que fosen taladas polas industrias madeireiras, freaban un desastre ecolóxico que antes de nada afectaba directamente á subsistencia das súas familias, deron unha nova dimensión ás prácticas ecofeministas. A intervención das mulleres do movimento Chipko, iniciado a principios dos anos 70, ten varios riscos destacábeis: en primeiro lugar, a súa protesta contra a explotación comercial dos bosques do Himalaya non foi só unha loita conxunta cos homes da súa propia comunidade contra os contratistas forasteiros, se non á vez un enfrontamento cos varóns da aldea a causa das diferenzas de prioridades no uso dos recursos. Repetidamente, as mulleres optaron de modo claro por salvar o bosque, fonte de enerxía e alimentos para os seus lares fronte a proxectos de desenvolvimento con ganancias a corto prazo, pero altos custes ecolóxicos. Mentres os homes apoiaban os proxectos que supuñan ingresos en efectivo, as mulleres protestaban porque eses proxectos significaban mais quilómetros nos seus traxectos de recollida de leña, ademais de que non estaban moi seguras de que o diñeiro adicional que poderían cobrar os seus homes fose a beneficialas a elas e ás súas fillas e fillos. Isto levou a que o movimento empezase a loitar tamén contra as desigualdades de xénero na súa sociedade, evidenciadas a través das loitas ecoloxistas. Elas conseguiron regulamentar a extracción de bens forestais e instituír a replantación como un compoñente significativo do movimento, aínda que de novo na elección das árbores non sempre cadran cos varóns: elas prefiren árbores que dean leña e outros bens para satisfacer as súas necesidades diarias, mentres que eles prefiren os que teñan un aproveitamento comercial. Unha vez mais, a responsabilidade de xénero na subsistencia familiar empurra a loitar contra as ameazas que pesan sobre os recursos que permiten satisfacer as necesidades da familia. Por último, este movimento leva implícita unha comprensión holística do medio ambiente e do bosque. Elas saben, pola súa experiencia, que os bosques non poden reducirse a árbores e as árbores a madeira de uso comercial, que a vexetación, o chan e a auga forman parte dun ecosistema complexo e interrelacionado.Esta comprensión da interdependencia entre os distintos compoñentes materiais da natureza e entre natureza e sustento humano é básica para desenvolver unha estratexia de protección e rexeneración ambiental sustentábel a nivel mundial.

Sobre a riqueza de esta e outras experiencias, o ecofeminismo apresenta senos, a nivel teórico, como unha reacción ante a falta de integración da perspectiva de xénero na corrente principal do ecoloxismo por unha parte, e a falta dunha resposta adecuada á crise ecolóxica desde o feminismo por outra. Partindo da tese de que existe unha relación entre a dominación e explotación das mulleres polos homes e a dominación e explotación da natureza polos humanos, preténdese unha integración dos principios feministas e ecolóxicos. O ecofeminismo percebe o vínculo entre a dominación da muller e da natureza como ideolóxico, como algo que arraigado nun sistema de ideas e representacións, valores e crenzas, coloca tanto á muller como ao mundo natural nunha situación xerárquica inferior á do varón. A muller é percibida como máis achegada á natureza e nesa medida susceptíbel de ser explotada do mesmo modo. A lóxica da superioridade que fundamenta todas as opresións duns grupos humanos sobre outros e que ademais nos está a levar á destrucción do planeta.

Partindo deste ponto común atopámonos que a diversidade e a confrontación dentro do ecofeminismo é enorme, xa que ademais de herdar toda a tensión existente tanto dentro do feminismo como do ecoloxismo, na propia confluencia dos dous movimentos xorden múltiples voces que entoan melodías diferentes e mesmo contrapostas. Esta diversidade, lonxe de ser un problema debe entenderse como algo positivo. A mesma natureza apréndenos que a diversidade é un presuposto imprescindíbel de saúde e vitalidade, mentres que a uniformidade supón un indicio de destrucción. Así, o ecofeminismo supón unha apertura a un campo de posibilidades e conceptualizacións desde o que a historia, a ciencia, o desenvolvimento económico, a técnica, a modernidade e o pensamento racional, se someten a exame. O modelo occidental dominante faise obxecto dunha crítica global contrastándoo coa validez de outras tradicións, culturas e prácticas para a resolución da crise ecolóxica mundial.

Simplificando, tentaremos enumerar as reivindicacións básicas do ecofeminismo que serían as seguintes:

ð A teoría e a práctica feministas teñen que incluír unha perspectiva ecolóxica así como as solucións aos problemas ecolóxicos deben incluír unha perspectiva feminista.

ð Hai importantes pontos en común entre a represión da natureza e a represión das mulleres, polo tanto hai que entender o carácter desta relación, para desde aquí relacionar todas as forma de opresión, xa que sempre se produce unha naturalización e feminización do explotado.

ð Rexeitamento do dualismo e das dicotomías presentes no pensamento occidental en xeral, e en particular a oposición entre natureza e cultura que atravesou algunhas correntes do feminismo. Desde aquí cuestionan o paradigma do racionalismo moderno e propugnan unha revisión do concepto de natureza. Preténdese unha reconceptualización tanto do humano como do natural tentando non caer nen no mecanicismo nen no instrumentalismo. Para isto é necesario un recoñecemento das cualidades humanas excluídas, escindidas, negadas e unha certa continuidade co mundo natural.

ð Unha crítica do academicismo en xeral e dentro do feminismo en particular, onde consideran que ocasionou a marxinación de correntes radicais.

ð Reivindícase unha nova epistemoloxía e metodoloxía que parta do recoñecemento explícito da parcialidade de toda investigación. Se avoga por unha ciencia diferente, na que a responsabilidade e a sensibilidade deben ser piares fundamentais.

ð A nivel ético dáselle importancia a valores tais como o coidado, o amor, a amizade e non só a dereitos e utilidades.

ð Insístese na necesidade de atender ás diferenzas, de non asumir a voz unitaria da tradición occidental dos privilexiados e das mulleres do primeiro mundo.

O interese da proposta teórica ecofeminista radica en pór o énfase nos marcos conceptuais opresivos que responden a unha lóxica de dominación, e na necesidade de establecer conexións históricas, simbólicas e teóricas entre a dominación das mulleres e a dominación da natureza e a súa extensión ás demais dominacións existentes. De aí séguese un ecofeminismo que insiste nas condicións mínimas dunha ética feminista e medioambiental: antisexista, antirracista, e anticlasista.

Certo é que co ecofeminismo reaparecen o esencialismo, o misticismo, o espiritualismo e o irracionalismo nalgunhas correntes, pero tamén supón un toque de atención á esclerotización dos movimentos sociais en xeral e do feminismo e o ecoloxismo en particular. Hai moitos discursos no seo do ecofeminismo, moitos dos cales non nos resultarán convincentes nen atractivos; Sen embargo, a evidencia de que a lóxica da dominación se sustenta na construcción de xerarquías sobre as diferencias, seguindo un continuo de destrucción desde o humano ata a natureza, abre a porta a unha nova forma de entender teórica e prácticamente a loita pola pervivencia do planeta no seu conxunto.

Branca Guerreiro

Bibliografía utilizada:

Agra Romeiro MªXosé (Compiladora): Ecoloxia e Feminismo. Ed.Comares.Granada 1997

Holland-Cunz, Bárbara: Ecofeminismos. Ed.Cátedra.Madrid 1996

Míes, María e Shiva, Vandana: La praxis del ecofeminismo. Ed.Icaria.Barcelona 1998

Revista Mientras Tanto nº 65.: Muller e ecoloxía: unha relación contra natura?. Primavera de 1996

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza