STEG ó día · STEG opina

FP SI, PERO NON ASÍ. STEG denuncia a falta de planificación da oferta da FP básica nos IES de Carral e ROU de Vigo
16-06-2026

FP SI, PERO NON ASÍ. STEG denuncia a falta de planificación da oferta da FP básica nos IES de Carral e ROU de Vigo

​ ​

FP SI, PERO NON ASÍ

Como vén a ser habitual, o mes de xuño vén cheíño de sorpresas. Cada ano, as equipas directivas dos centros de secundaria e dos CIFP agardan inquedas o anuncio da oferta formativa para a formación profesional, ese acto deseñado para acaparar todos os focos da prensa, o que require dalgunha primicia, dalgún anuncio bomba. Pode que algún centro descubra ese día que vai ver minguada a súa oferta presencial para aumentar a de distancia, modalidade moi resultona (con rateos moito maiores) mais con pouco sentido pedagóxico en familias profesionais onde o compoñente práctico e o contacto entre persoas é crucial para acadar as competencias. Tanto ten que o ciclo asignado para un centro, poñamos por caso, da Terra Cha, estea vinculado ao sector naval, o que forzará o alumnado a desenvolver as súas prácticas lonxe da casa, nin que o ciclo se implante en centros que carecen de espazos e de recursos materiais e humanos. O caso é innovar. Mais os experimentos, mellor con gaseosa, e non co alumnado máis vulnerábel, o da FP básica. Hai uns poucos anos, o profesorado dun CIFP que conseguira asentar o ciclo básico de limpeza de edificios, un dos máis feminizados, descubría con sorpresa que a Consellaría, sen previa consulta co centro, eliminaba esa oferta do centro para substituíla por outra para a que non existían espazos no centro, pero que ten unha utilidade social indiscutible: o ciclo de mantemento de embarcacións de recreo. Unha compañeira, docente do ciclo eliminado, expresaba a súa tese ao respecto: as decisións na Consellaría tómanas tres macacos tocando os pratos. Non atopaba outra explicación aos golpes de temón aos que nos ten acostumados o departamento que debería velar pola calidade do ensino público galego.

 

Esa tese sería a única que explicaría o que está a acontecer este fin de curso. O IES de Carral e o República Oriental de Uruguay, en Vigo, foron dúas das agraciadas no bombo da oferta formativa da FP deste ano. A grande novidade, sacada da chistera de Román Rodríguez, as aulas nómades, un sofisticado dispositivo da novidosísima arquitectura pedagóxica onde se pretende formar a alumnado vulnerábel en ciclos de automoción e electrónica. O problema non é o nome (recoñezámolo, ten o seu encanto), mais as formas nas que este programa, do que non temos máis información, se pretende implantar. Vexamos o caso de Carral. O 10 de xuño, en plenas avaliacións, a Consellaría ponse en contacto coa dirección do centro anunciando que pretenden implantar un ciclo de básica para o curso que vén. Malia a negativa do claustro en bloque á implantación dun centro para o que non existen espazos nin demanda, a administración segue co plan previsto. A escolla do ciclo non responde nin ás necesidades produtivas da zona nin á distribución xeográfica da oferta na comarca, pois o ciclo xa existe noutros concellos próximos. O interese, semella, está na propia infraestrutura que o vai acoller: uns “módulos totalmente equipados”, en palabras do conselleiro, para ofrecer, tanto a formación específica como os contidos comúns que debe recibir este alumnado que non rematou a ESO. Unha “fp á carta” (atención á linguaxe mercantilista), aínda que sen opción de escolla para a clientela. Pouco importa que o centro non dispoña de espazo para instalar eses  módulos. Hai unha leira ao lado que ben vale (a propietaria do terreo soubo pola prensa das intencións expansionistas do instituto colindante). E se as docentes teñen que mollarse para moverse dun lugar a outro, xa se sabe: somos todoterreo.

 

O problema, como berran as familias e as docentes que levan semanas manifestándose contra o despropósito, non é a FP básica. O problema é a falta de planificación  que caracteriza esta Consellaría, que crea e elimina ofertas sen criterio pedagóxico nin social. Neste caso, o continente, eses módulos tan innovadores que poden desprazarse a capricho das administracións educativas, semella estar por tras desta aparente improvisación. Certo é que a súa instalación pode ser un negocio interesante para algunha empresa amiga. Se cadra é aí onde están os macacos con pratos que imaxinaba a miña amiga.

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza