HOXE mércores 11 de novembro está convocada unha Folga Xeral pola vivenda.
No conxunto do Estado hai preto de 20.000 organizacións convocantes a parte da maioría de sindicatos, tamén do Ensino, e organizacións de base. No noso pais tamén, a través de sindicatos de clase, asembleas, comités e distintos tipos de colectivos en diferentes sectores de actividade e produtivos. Quizás nalgún momento preguntácheste: que ten que ver isto cos nosos problemas reais nas aulas?
A resposta é clara: ten todo que ver.
Esta convocatoria non vai de siglas nin de intereses partidistas; vai da nosa dignidade como docentes, das condicións de vida das nosas familias e das do alumnado e da calidade do ensino público galego.
Por que o profesorado tamén nos xogamos o futuro o 11N?
O roubo silencioso dos nosos salarios: Os alugueres abusivos e as hipotecas desbocadas son unha lousa económica e un roubo que dificulta cubrir substitucións, impide a estabilidade real do profesorado e xera un desgaste e problemas de saúde mental que afectan de cheo ao noso benestar e a calidade ds condicións de traballo e aprendizaxe.
Precarización docente e educativa: Un profesorado afogado economicamente e preocupado pola especulación e os gastos inevitables non pode dar o cen por cento nas aulas. Cando a nosa profesión se deteriora, a educación pública reséntese.
O impacto directo no noso alumnado: A crise da vivenda é exactamente a mesma que afoga ás familias dos nosos centros educativos, xerando problemáticas sociais e de convivencia de todo tipo. Problemas de estabalidade e saúde mental. Todo nun contexto de suba exponencial dos prezos e dun deterioro da calidade de vida.
Está en xogo tamén un deterioro maior dos servizos públicos, da sanidade e a educación, das infraestruturas…e cun posible proceso de privatización e maiores recortes que dificultarían, máis aínda, as nosas condicións materiais e as do conxunto da comunidade educativa galega.
No STEG somo un sindicato útil e combativo, que non pode ser alleo ás problemáticas do conxunto da sociedade. Temos o convencemento de que o sindicalismo útil é o que defende con firmeza as condicións materiais de vida. Precisamos regulación de prezos e un parque público de vivenda que nos permita vivir con dignidade alí onde exercemos a nosa vocación e traballo.
Fronte aos recortes, a especulación e ao abandono institucional a nosa resposta colectiva, a Folga Xeral, é unha ferramenta que pode ser eficaz.
Paramos e plantámonos. Súmate á Folga Xeral e defendamos xuntas e nas rúas o dereito de acceso á vivenda, un ensino público galego de calidade e garantías de vida digna.
Horario das sedes:
10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)
16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)
R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal
Ver en Google Maps