STEG ó día · Campañas · SAÚDE LABORAL

Humanizar o Traballo

28 abril 2010 -

O STEG ante o 28 de Abril , Día Internacional da Seguridade e Saúde Laboral

Humanizar o traballo

Humanizar o traballo, facelo máis saudábel, máis equitativo, máis incluínte, máis creativo, máis participativo, máis respectuoso co medio ambiente… non só é posíbel, senón que, ademais, é imprescindíbel.

Propoñemos outra organización do traballo, outra economía,…que non estea presidida polo mercantilismo, que erradique a coacción empresarial e a chantaxe permanente da precariedade e o desemprego. Un traballo que poida desenvolverse nun contorno medioambiental saudábel e que minimice o seu impacto medioambiental actual.

Cada día evidéncianse máis as formas deshumanizadas de traballo. A organización do traballo nas Empresas Privadas e nas Administracións Públicas, nesta situación, empeora as condicións nas que prestamos os nosos servizos profesionais,…porque parece que a maximización de beneficios económicos é o máis importante. A saúde física e psicolóxica das persoas traballadoras cada vez parece menos importante.

Esta maximización dos beneficios leva á relaxación de medidas de seguridade co peor dos resultados: a morte, só en Galiza, de 74 persoas en accidentes durante a xornada laboral, o que supón un incremento do 4,2 por cento en relación con 2008. Os sectores cun maior número de sinistros mortais foron a construción e os servizos, con 23 cada un. Na industria morreron 14 traballadoras/es, mentres que foron oito na pesca e seis no agro. O exercicio pasado cerrouse con 548 sinistros graves en Galiza.

Denunciamos, xa que logo, o uso da crise por parte de gobernantes e empresarios como pretexto e coartada para recortar gastos en materia de saúde laboral e protección da saúde dos traballadores e traballadoras, para flexibilizar e desregular o mercado de traballo, cargando unha vez máis sobre os lombos da poboación traballadora e das súas familias os efectos negativos dunha crise que non provocamos.

Apostamos porque o traballo sexa fonte de benestar, que sexa ferramenta de realización persoal, que libere e cultive as enerxías e as forzas creativas de cidadás e cidadáns, e que contribúa á mellora da relación harmoniosa coa Natureza.

Así mesmo, denunciamos a situación de grupos de poboación que resultan especialmente prexudicados: as mulleres, as persoas mozas en busca do seu primeiro emprego e as persoas que exercen coma interinas/os e substitutas/os. A situación das mulleres é especialmente vulnerábel xa que o mundo laboral aínda funciona segundo un modelo masculino. A organización, os valores,os horarios continúan baseados na división de roles, o que fai que as mulleres con emprego se vexan sometidas a unha dobre xornada que repercute en aspectos como a capacidade de gozar do ocio e do descanso, coas repercusións que isto ten na saúde das mulleres.

A nosa proposta tamén incidiría nos modelos de organización que son capaces de modificar os factores de risco, buscando que os aspectos sociais incidan directamente nos aspectos técnicos, con alternativas organizativas como o “enriquecemento do traballo”, a “adaptación de postos de traballo”, o “traballo cooperativo”, a “ordenación de xornada compatíbel” (decidida polo consello escolar e non polo transporte).

Desde STEG cremos que son necesarias medidas que aseguren a calidade no emprego e a seguridade e saúde laboral para todas as persoas. Isto último, simplemente aplicando as leis que xa existen.

Texto en pdf para imprimir

Secretariado Nacional do STEG
Abril de 2010

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza