STEG ó día · Novas

06-09-2022

MOBILIZACIÓN POLA BAIXADA DAS RATIOS E A ESTABILIZACIÓN DO PROFESORADO

MAÑÁ 7 DE SETEMBRO ÁS 11,30 H. EN SAN CAETANO:

 

O STEG decidiu acompañar as mobilizacións contra ás políticas da Consellería de Educación que terán lugar o vindeiro mércores 7 de setembro e o 11 de setembro respectivamente.

No primeiro caso, o STEG anima toda a afiliación a participar nas concentracións previstas nos centros de ensino o vindeiro mércores 7 de setembro así como participar -quen poda- na concentración que terá lugar diante da Consellería de Educación o mesmo día ás 11,30 h.

O STEG non é convocante da mesma, anunciada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, pero participará. Cómpre lembrar que, no seu día,  asistindo á creación de dúas plataformas na defensa do ensino público (con distintas organizacións sindicais en cada unha), o STEG tomara a decisión de non adherirse a ningunha das dúas, no convencemento de que só debía haber unha soa plataforma, o que mellor contribuiría á unidade sindical, pero si participar de todas aquelas mobilizacións e accións convocadas por calquera das dúas que fosen no camiño de defender o ensino público galego.


Ao respecto da mobilización anunciada pola CUT para o día 11 e, téndose dirixido esta organización ó STEG para que se sumase á mesma, o noso sindicato dirixiuse a toda a afiliación, no camiño de darlles unha resposta nun sentido ou noutro. Consultada a afiliación, a diversidade de posturas -tamén diversas entre as persoas que traballamos de xeito máis directo no día a día do sindicato- fixo que nos dirixísemos á CUT, manifestándolles catro cuestións -que entendiamos podían recoller o sentir xeral do STEG, non unívoco, ó fío das mensaxes recibidas-:

1. Que compartiamos o seu punto de vista sobre a gravidade dos problemas que agora mesmo está a padecer o ensino público galego e o xeito de proceder da Consellería de Educación.

2. Que viamos con bos ollos a procura da unidade sindical e a posibilidade de mobilizármonos buscando a participación do meirande número de organizacións sindicais.

3. Que nos parecía que a data do 11 de setembro resultaba algo precipitada, toda vez que –até onde sabemos- ningunha outra forza sindical máis ca nós lle dera resposta ó seu chamado. E que por iso, nos gustaría tratar con elas a posibilidade de buscar unha data que garantise unha maior resposta das compañeiras e compañeiros da comunidade educativa, traballando activamente para que se sumasen máis organizacións sindicais.

4. Que tiñan a nosa dispoñibilidade pra reunírmonos presencialmente con elas na primeira semana de setembro e tratar estas cuestións no camiño de facer efectiva a nosa participación, acordar os termos da mesma e avanzar nos puntos que trasladabamos.


A resposta que nos deu a CUT foi que non se ía mover a data da mobilización e que xulgaban que houbera tempo abondo para acordala.


Porén, o STEG acompañará tamén esa mobilización do día 11 malia non ser convocante e non atender favorabelmente a organización que pediu a nosa participación a ningunha das nosas propostas ó respecto. Igualmente, dende o STEG agardamos que a CUT participe na concentración do día 7.


O motivo de participar nas dúas é que entendemos que a situación e grave abondo como pra darmos pasos, independentemente das reservas que suscitan en nós certas actitudes, comportamentos e xeitos de proceder. Pensamos que iso agora mesmo é secundario, entendemos que debemos contribuír á defensa do ensino público galego e dos dereitos das súas traballadoras e traballadores, pois a unidade sindical efectiva precisa de xenerosidade, perspectiva, paciencia e preservación do interese xeral por riba de cuestións de parte.

                                                         COMISIÓN PERMANENTE DO SECRETARIADO NACIONAL DO STEG

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza