15-11-2019 MOITO MÁIS CA UNHA CUESTIÓN DE HORARIOS
FOLGA XERAL NO ENSINO O 12 DE NOVEMBRO:
É moito máis ca unha cuestión de horarios. Queremos garantir a calidade do ensino público e a plena restitución dos nosos dereitos como traballadoras e traballadores do ensino. Hai unha semana, as organizacións sindicais do ensino público anunciamos conxuntamente e de xeito unitario –por primeira vez en anos-, un calendario de mobilizacións para as vindeiras semanas. E unha folga xeral no ensino público prevista para o 12 de decembro, no caso de que a Consellería non atenda as nosas reivindicacións. Este anuncio consensuado chega logo de que as nosas demandas fosen ignoradas sistematicamente, logo de anos de recortes, perda de dereitos e o consecuente deterioro do ensino público galego. Esgotáronse, antes de chegar aquí, as posibilidades do diálogo e as vías de negociación, pois non hai vontade ningunha de facelo por parte de quen manda. Pero queremos que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano inclúan as nosas reivindicacións.
Que pedimos?
Primeiro, a recuperación dos nosos horarios acadados no curso 2007/2008, grazas ao acordo sobre a xornada de traballo do persoal pertencente ao corpo de mestras/es, ao que se chegou no seu día coa Conselleira por aquel entón (Laura Sánchez Piñón). Volver a este acordo implica reducir a parte lectiva da xornada semanal (horas de atención directa ao alumnado), pasando de 25 a 21 horas e de 20 a 18 horas en Secundaria. Posteriormente, as sucesivas medidas adoptadas en 2011 e 2012 pola Xunta e o Goberno, trouxéronnos á situación actual. Pero o noso adxectivo -a diferenza do que algúns medios de comunicación dan a entender de xeito nesgado e tendencioso, moi lonxe do que debera ser o papel principal dun medio de comunicación, isto é, informar a cidadanía-, non é outro que mellorar a calidade do ensino público.
De que xeito? Aproveitando as horas restantes para mellor coordinar, planificar, propoñer, proxectar, revisar e discutir: novas actividades, participación en proxectos, dinámicas, tarefas, plans de mellora, reforzos e desdobres… O que agora resulta case imposíbel de realizar, agás polo voluntarismo de boa parte do profesorado. Responderiamos, non a unha lei inventada por nós, senón á Lei 4/2019 do Goberno do Estado: nela recoméndaselle ás comunidades competentes –tal é o caso- a asunción desta medida, e non superar o número de alumnado por aula legalmente establecido. Cómpre dicir que esta medida xa foi adoptada nestes meses por Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturies ou Estremadura. E implicaría, tamén, o aumento de recursos, con máis persoal nos centros públicos, revertendo a tendencia destas lexislaturas, onde se reduciu de xeito drástico o número de profesorado –cousa que non aconteceu no ensino concertado-.
E, nesta liña, fagamos algo de memoria:
- RETRIBUCIÓNS DIRECTAS:
Ao comezo da “crise” aló por xuño do ano 2010, con Zapatero aínda de presidente reduciuse, en todas e cada unha das nosas pagas extras ata o día de hoxe (segue vixente), a contía do que cobramos como soldo base (uns 275€ e 450€ menos en primaria e secundaria, respectivamente) e o que cobramos como trienios (uns 10€ e 17€ menos por trienio en primaria e secundaria, respectivamente). O presidente Feijoo non ía ser menos e decidiu eliminar das pagas extras dos anos 2013, 2014, 2015 e 2016 os tres complementos específicos: a) docente (ao que hai que sumar os sexenios); b) o singular (por cargos) e a titoría. A día de hoxe non foi devolto nada deste montante que nos foi roubado. A todo isto habería que sumar as conxelacións das nosas nóminas nos anos 2011, 2012, 2013, 2014, 2015 e 2016, mentres o IPC subía, o que nos facía perder capacidade adquisitiva en termos reais.
E cando falamos de restitución de dereitos, referímonos a todos:
- RETRIBUCIÓNS INDIRECTAS:
queremos a recuperación efectiva do Fondo de Acción Social, prácticamente desmantelado dende 2010, toda vez que a Lei 1/2012 dicía que “As medidas previstas nesta lei serán revisadas nun prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, en función da evolución do produto interior bruto real de Galicia e do aforro primario dos orzamentos.”
Máis aínda, cando se leva anunciado unha e outra vez que as galegas e galegos somos as campioas do superávit. O profesorado galego non é un colectivo acomodaticio, nin alleo á situación en que estamos, malia que dende certos eidos téntase vender esa imaxe de nós: nestes anos de recortes, vivimos en primeira persoa a degradación das condicións de vida do noso alumnado e das súas familias, convivimos coa crecente precariedade e coa perda de postos de traballo noutros ámbitos, os dramas anónimos e cotiáns das crianzas que cada día acoden ás escolas forman parte da nosa paisaxe. Temos os pés na terra, valoramos a importancia do noso traballo para as xeracións futuras e temos conciencia de clase. Tamén por todo isto, demandamos desta Consellería que atenda as nosas demandas, no camiño de que a escola pública sexa un garante de equidade, inclusión e xustiza social e elemento reequilibrador da desigualdade.
Sempre sinalamos a falta de unidade sindical como un lastre para calquera mobilización. Agora, as organizacións sindicais estamos unidas por primeira vez en moito tempo. Isto terá valor e continuidade no tempo, na medida en que o profesorado asuma a importancia de sumarse a estas reivindicacións. Imos conseguilo.
Pero precisamos de todas e cada un de vós.
Na unidade está o cambio. Na mobilización conxunta e activa, tamén.
- documento en pdf
Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG,
13 de novembro de 2019