11-11-2011 Manifestación en defensa de Preescolar na Casa
26 de novembro en Lugo
Os importantísimos recortes que a Xunta de Galicia está aplicando ás subvenciones que recibe a Fundación Preescolar na Casa -en moitas partidas chega ata o 100% - fan inviable a continuidade das actividades que realiza. Se isto é grave, aínda o é máis o motivo que alegan publicamente a través do Parlamento galego e medios de comunicación para o mesmo: “ser un modelo educativo caduco que tiña sentido no 1977 pero que xa non o ten posto que se incrementaron as prazas nas escolas infantís”.
Desde o STEG entendemos que este razoamento desvirtúa a realidade actual do que representa e realiza Preescolar na Casa: apoio á parentalidade positiva, resposta ás necesidades da infancia desde o acompañamento ás familias e a implicación da sociedade.Animámosvos, xa que logo, a colaborar coa proposta de visibilizar o apoio a PnC elaborando un texto breve que mostre a importancia da actuación do programa e que llelo envíedes directamente ao Presidente da Xunta de Galicia (secretaria.presidente@xunta.es), reenviándollo a correo@preescolarnacasa.org
Desde o STEG animamos a toda a sociedade a participar tamén no acto que terá lugar en Lugo o día 26 de novembro ás 12 horas e que consistirá nunha manifestación que sairá da Praza do Ferrol en Lugo, e o desprazamento pola Avenida Ramón Ferreiro ata a Fonte do Rei, onde se atopa a estatua que o pobo de Lugo lle fixo a Antonio Gandoy, fundador e alma de Preescolar na Casa.