Secretaría da Muller · 25 N

Manifesto 25N e Propostas Didácticas

Manifesto 25N e Propostas Didácticas

25 novembro 2024 -

 

PROPOSTAS DIDÁCTICAS

CARTAZ 25-N

NON É UN CASO ILLADO, É O PATRIARCADO

 

O alto comisado da ONU para os Dereitos Humanos, Volker Türk, alertou sobre o forte retroceso en igualdade de xénero que se está observando nos últimos anos e que en moitos lugares a misoxinia está case normalizada, sexa por medios dixitais ou non.

Partindo desta premisa xa podemos situarnos nos poucos avances que se chegaron a facer nos últimos tempos na Unión Europea e no resto do mundo en materia de igualdade e, por tanto, en violencia machista.

Culpabilidade, vergoña... Non volvas soa a casa, non vistas así,coidado con que bebes, non bailes provocando...se che pegou el, merécelo; non es boa nai; falas con todos ; es unha candonga... SERÁS MIÑA OU DE NINGUÉN MÁIS, VOU QUITARCHE O QUE MÁIS QUERES...SE LLO CONTAS A ALGUÉN,MÁTOTE!!!!

A avogacía española, CGAE, alerta do incumprimento do Pacto contra a Violencia de Xénero. Reclaman que se garanta a asistencia das vítimas desde antes de que se interpoña a primeira denuncia, así como que a Policía e a Garda Civil teñan a obriga de atender a calquera vítima de violencia machista. Ao mesmo tempo, os Corpos de Seguridade do Estado piden reforzos e máis persoal para poder chegar a todos estes casos con efectividade e a tempo.

O 98% das mulleres sufriron algunha vez acoso na rúa. O 25% convive con iso a diario. Consecuencias: cambios de rutinas, ansiedade e medo. (fonte: Universidade de Córdoba)

A finais do pasado mes de setembro 99.644 casos eran obxecto de seguimento policial por violencia de xénero, 19,325 máis que o ano anterior na mesma data. É evidente que a maternidade é un factor de risco, máis da metade dos casos con protección policial no Estado español corresponden a vítimas con fillas e fillos menores de idade ao seu cargo, 52.123, 10.686 máis que o ano anterior.

Segundo o Sistema de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero (VIOGÉN), o número de casos activos o 31 de xullo de 2024 eran 95.203, o que supón un aumento do 18,8% con respecto a xullo de 2023. En canto ás mulleres con protección oficial, en xullo de 2024 era de 57.923, o que supón un incremento do 19,4% con respecto a xullo de 2023. A maior porcentaxe de casos activos atópanse entre mulleres de 31 e 45 anos de idade. Sen esquecernos das nosas maiores, case unha cuarta parte das que superan os 65 anos sofren violencia machista habitualmente no ámbito familiar.

Este panorama desolador continuará, se a “apatía” e o “negacionismo” diante da violencia machista por parte da sociedade e da clase política non cambia cara a un compromiso real para erradicar esta consecuencia do patriarcado. A Lei do “só si é si” recolle, desde hai tres anos, que debe haber 52 centros de atención ás vítimas de violencia sexual as 24 horas, en todo o Estado español. A UE outorgou 20 millóns de euros para este asunto que se repartiron entre todos os territorios do Estado español. A día de hoxe unicamente hai 10 e algúns ainda en proceso de funcionamento. VERGOÑA que a ministra de igualdade, Ana Redondo, non estea a presionar estes territorios para que cumpran as súas obrigas e creen estes centros, pedindo unha prórroga á UE. Non falta moito para o 31 de decembro de 2024, a gran dúbida é se é eses 54 centros estarán xa en activo... Non son necesarios, son imprescindibles para que as mulleres sintan seguras e sen medo a denunciar calquera tipo de violencia machista. Se os e as políticas non lle dan a suficiente importancia, como queda claro, ás agresións machistas que as mulleres sofren no seu día a día, teremos que ser nós as que o digamos claro e alto esixindo que se cumpra a lei e se melloren os protocolos de actuación diante das violencias machistas porque é evidente que están a fallar.

A sociedade debe concienciarse de que existen diversos tipos de violencias machistas: física, psicolóxica, sexual, patrimonial, social e vicaria.Todas podemos sufrilas en calquera momento e, sen axuda legal nin a atención de especialistas formados/as nestas violencias,será difícil que se denuncien.

“NON SÓ DOEN OS GOLPES”(novela e peza teatral de Pamela Palenciano a partir da súa experiencia persoal)

Algúns exemplos da vixencia do problema social da violencia machista para abordar nas aulas:

Caso Pélicot: submisión química, 10 anos de violacións e 50 homes. O seu gran valor diante de tanto sufrimento non ten precedentes ao levar o proceso xudicial focalizado neles, a vergoña cambiou de bando.

Mulleres afgás: silencio, submisión, indiferenza...

Carmen Giménez: campioa española de atletismo que sufriu unha lesión medular tras unha agresión machista.

Rebecca Cheptegei: atleta olímpica queimada pola súa parella... Asasinada.

Mulleres con diversidade física ou intelectual: case o 80% presentan un risco catro veces maior que o resto de mulleres de sufrir violencia sexual.

Impunidade para pederastas e corruptos en Murcia por parte da “non xusticia”.

Mulleres e nenas en países en conflitos bélicos que sofren sistematicamente violencia sexual e matrimonio infantil.

Violencia Vicaria, dez menores asasinados por violencia vicaria este 2024 no Estado español, a peor cifra desde que hai rexistros.

Mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia machista por parte da súa parella durante decadas e non denuncian por mor dunha educación que as levou á resignación.

Muller, Vida, Liberdade: revolución das mulleres iranianas que aturan agresións con total impunidade.

Mulleres que viven en medios rurais, tardan unha media de 20 anos en denunciar ao seu agresor por estereotipos tradicionais máis arraigados.

Feminicidios e asasinadas no Estado español ao 4 de novembro, 81: Irene, Ana, Rocío, Cándida, Andrea, Thais... E un longo etcétera... Con nomes de mulleres.

TODOS ESTES CASOS SON ASINADOS E EXECUTADOS POLA GRANDE ENFERMIDADE DO PATRIARCADO, O MACHISMO.

 

Hoxe 25 de novembro, outro ano máis a Asemblea de Mulleres do STEG e a Organización de Mujeres da Confederación Intersindical denunciamos:

Que a sociedade camiña cara a un retroceso en cuestións de igualdade e cara a un aumento en cuestións de machismo... Que a clase política ve esta cuestión como unha ferramenta electoral entre uns e outros partidos... Que as institucións internacionais falan de intencións que non poñen en práctica... E a nosas e os nosos mozos do futuro dicirlles que teñen a chave para non volver telo que dicir: NON É UN CASO ILLADO, É O PATRIARCADO.

O 016 atende a todas as vítimas de violencias machistas as 24 horas do día e en 53 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo:

016-online@igualdad.gob.es; tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016, e as/os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10. Nunha situación de emerxencia, pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062). E en caso de non poder chamar pódese recorrer á aplicación ALERTCOPS, dende a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.

Organización de Mujeres da Confederación Intersindical

Asemblea de mulleres do STEG

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza