25 novembro 2023 -
COMUNICADO 25N: MACHISTA + NEGACIONISTA= VIOLENCIA 2
Asistimos decote a asasinatos machistas que se converten no inicio de todas as noticias coas que amencemos, quizais nos estamos a acostumar xa a este tipo de “boas noticias”. En ocasións asasinan unha muller, outras dúas ou tres, coma ben coñecemos, agresións sexuais, agresións físicas e psicolóxicas graves… A negación destes feitos por certos partidos políticos de extrema dereita está a facer moito dano a parte desta sociedade que ao final cre o que queren crer: “os homes non matan ás mulleres por ser mulleres”.
Vivimos no último verán en que se bateron récords de asasinatos machistas, 18 en xullo e agosto, familias que non teñen nai porque non hai que esquecer o dano colateral que sofren as fillas e fillos destas mulleres.
Desde o 2009 até o 2022, no Estado español interpuxeron máis de dous millóns de denuncias por violencia contra a muller. É importante destacar que diminuiu o número de mulleres asasinadas que denunciaran o seu agresor. A denuncia é un primeiro paso mais non o único, aquí atopamos xa as carencias que están tendo os protocolos sobre violencia machista. Non é só cuestión dun Ministerio, é a unión de varios os que teñen que facer unha planificación perfecta para evitar novas vítimas e que sexa un verdadeiro Pacto de Estado.
Ao longo da historia a desigualdade e o abuso de poder contra as mulleres sostivo a “violencia machista” consecuencia dun sistema patriarcal e capitalista. Todo isto segue até hoxe e como consecuencia disto, MÁTANNOS.
O negacionismo unido ao machismo asasina ás mulleres. Partidos como VOX que cren que a “violencia machista” ten connotacións políticas e a chama “violencia intrafamiliar” que inclúe tamén a homes, nenas e nenos, coma eles/as cren que debe ser. Fala de inclusión un partido homófobo e racista en que a hipocrisía e a maldade do seu discurso só desprende odio naquelas persoas que os/as seguen. É evidente que asasinan homes, nenas e nenos mais non debemos obviar as estatísticas nin a realidade con que convivimos diariamente. Se estes partidos non admiten consellos femininos, aquí teñen unha frase do filósofo Emilio Lledó, home: “A ignorancia cultivada xera violencia”.
Todos os 25N volvemos as mulleres a lembrar os casos e nomes das asasinadas en mans de homes durante todo o ano.
NEGAR A VIOLENCIA MACHISTA FAICHE CÓMPLICE.
As mulleres de diferentes partes do mundo están unidas polo desagradábel feito de sufrir este tipo de violencia en todas as súas formas:
O “hiyad” é un elemento de control das mulleres: matrimonios forzados, crimes de honra, repudio familiar ou a exclusión da comunidade son algún dos riscos ao que se expoñen as mulleres musulmás.
A violencia machista é un dos maiores asasinos de Asia. No sudeste asiático morren máis mulleres por estes crimes que no conflito armado. As vítimas crecen a medida que reivindican os seus dereitos.
O nivel de violencia sexual é 14 puntos máis elevado en África que en Europa.
América Latina atópase en alerta máxima polo aumento de feminicidios. Despois da pandemia, os asasinatos de mulleres disparáronse a pesar dos esforzos sociais e das entidades públicas.
Este mesmo ano un titular xa resumía a situación en que nos atopamos as europeas: “Europa, suspensión en lexislación sobre violencia machista”: O 22% das mulleres sufriron violencia de xénero”.
MACHISTA+NEGACIONISTA= VIOLENCIA2
As mulleres racializadas e migrantes son as máis vulnerábeis. O idioma, a falta de información e a situación administrativa irregular son factores en contra delas.
En España hai 2,5 millóns de mulleres con discapacidade. O 20% das mulleres asasinadas por violencia machista este ano tiñan unha discapacidade acreditada. Nestas mulleres o risco de sufrir violencia machista é catro veces maior que no resto das poboación feminina. Así, as discapacidades poden ser consecuencia nalgúns casos da violencia machista continuada. Debemos sinalar que hai nenas e nenos que nacen con discapacidade como consecuencia da violencia que sufriron as súas nais.
NEGACIONISTA+MACHISTA= VIOLENCIA 2
Non debemos esquecer o xugo que até a actualidade teñen as mulleres dentro de calquera relixión. A dependencia e a subordinación ao home subxace en calquera dogma pasado por certas crenzas relixiosas. Este feito implica moitos dos problemas e inxustizas que hoxe aínda vivimos.
Todas as relixións son machistas, nunca promoveron a equidade real. Nas Sagradas Escrituras da relixión católica, a máis practicada no noso Estado, podemos atopar:
“O nacemento dunha filla é unha perda” (Eclesiastés 22,3). “Parirás os teus fillos con dor. O teu desexo será o de teu marido e el terá autoridade sobre ti” (Xénese).
Xudeos ortodoxos: “Bendito sexas Deus, Rei do Universo, porque ti non me fixeches muller”.
Corán: “O homes son superiores ás mulleres, a causa das calidades por medio das cales Alá elevou estes por enriba daquelas”.
No século XXI a Santa Igrexa Católica Apostólica Romana segue preparando as parellas que van casar pola igrexa con manuais en que se pode ler: “A profesión da muller seguirá sendo os seus labores, a súa casa, e debería estar presente nos mil e un detalles da vida de cada día”.
NEGACIONISTA+MACHISTA= VIOLENCIA 2
FUTURO…
Dous de cada tres universitarias en Europa sufriron violencia machista ou sexual; só o 13% denúnciao. Os estudos realizados non só nos falan dunha violencia estendida e normalizada en todos os campus europeos, senón que é un flaxelo invisibilizado.
De miles de mulleres podemos atopar relatos a través de contas de aplicacións que dan a oportunidade de contar algún acoso sexual sufrido ao longa da túa vida (a xornalista Cristina Fallarás abriu en Instagram ao fío do ocorrido con Jenny Hermoso un #SeAcabó). Todas as mulleres que escriben agresións sexuais piden anonimato, non dan nomes dos que foron os seus agresores, a maioría das veces sendo nenas e dentro do ámbito familiar…impactantes os relatos. Todos estes espazos seguros están ocupados por mulleres, eles non os necesitan. Todas estas mulleres que viviron durante anos co seu sentimento de vergonza e culpa é agora cando se están coñecendo e recoñecendo aquelo, que a maioría das veces, quixeron esquecer.
Con todo isto, desde a Organización de Mulleres da Confederación Intersindical só podemos apostar por unha educación afectivo-sexual que faga que este FUTURO mude, que desaparezan as teorías negacionistas falsas, que adolescentes e nenas e nenos vexan a realidade dun mundo en que o primordial son OS DEREITOS HUMANOS e a VIOLENCIA MACHISTA non o é.
…………………………………………………………………………………………………
Porque yo me lo propuse y sufrí
Como nadie había sufrido y mi piel
Se quedó vacía y sola
Desahuciada en el olvido y después
De luchar contra la muerte, empecé
A recuperarme un poco y olvidé
Todo lo que te quería y ahora ya
Y ahora ya, MI MUNDO ES OTRO.
María Jiménez, cantante española (1950-2023, vítima de violencia machista durante anos )
ahora que ha pasado
más de un año,
ya te he olvidado
me deseo buena suerte
no volver a verte
y que me vaya bien.
Adiós mi corazón, y que te den,que te den por ahí, que no, me supiste dar, ni un poquito lo que te di a ti!! QUÉ TE DEN!!
Amparo Sánchez, Amparanoia, cantante vítima durante moitos anos de violencia machista.