Mobilízate o xoves 19 de xullo
Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen
NON AO SAQUEO DO POBO. HAI QUE IMPEDIR QUE NOS ARRUÍNEN
O STEG apoia o chamamento á mobilización masiva das galegas e galegos en todas as cidades e vilas de Galiza, convocadas polas organizacións sindicais CCCOO, CIG e UGT, baixo o lema “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen”.
Xa coñecemos as condicións que, segundo o Goberno, non íamos ter que cumprir a cambio do préstamo para salvar aos bancos culpables da crise financeira. As medidas que aparecen no
BOE do día 14 de xullo producen recortes e suba de impostos por valor de 56.440 millóns de euros en dous anos e medio: a suba do IVA recadará 22.000 millóns. As subas no imposto de Sociedades, 7.490 millóns. O aumento no IRPF, 4.110 millones. As persoas paradas deixarán de cobrar ¡¡¡ 13.760 !!! millóns. Os recortes na lei de Dependencia suman 3.020 millóns. Os recortes de servizos públicos, 9.220 millóns e a Seguridade Social deixará de ingresar 4.980 millóns: un diñeiro que terá que saír das pensións para que a caixa siga cadrando.
Aínda faltan 8.560 millóns máis ata alcanzar a cifra que o goberno deu: 65.000 milllóns de euros neses dous anos e medio.
O persoal empregado público segue a pagar parte do coste dos recortes, en forma de paro, salarios e dereitos: elimínase a paga extra de decembro para os vindeiros anos, diminúese o cobro cando se atope en situación de incapacidade transitoria (
ver documento) e facilítase a movilidade obligatoria (artigo 15).
Ao conxunto das persoas asalariadas, cebándose nos sectores máis febles, redúcenselle as prestacións por desemprego: a partires do 7º mes de paro pásase a cobrar o 50% da base reguladora no lugar do 60% que se cobraba ata agora. Esta medida afectará só as nova persoas perceptoras.
Para o conxunto da cidadanía auméntase o IVE, imposto indirecto e, polo tanto, independente da capacidade económica de cada persoa. Do mesmo xeito, aceléranse os procesos de privatizacións (RENFE, AENA) que, necesariamente, empeorarán os servizos públicos para poder garantir beneficios empresariais.
Este goberno segue polo camiño de salvar á banca e facilitar o negocio das grandes empresas, a costa de acabar cos dereitos sociais e laborais. A costa de afondar na pobreza e na precariedade.
Desde o STEG facemos un chamamento a toda a sociedade para participar en todas as mobilizacións contra estas brutais medidas encamiñadas a rematar cunha era de conquistas sociais colectivas.
Horarios e puntos de saída das mnaifestacións
A Coruña: Ás 20:00 h da Praza da Palloza. Manifestación central.
Burela: Ás 20:00 h da Praza da Mariña
Ferrol: Ás 20:30 h do Inferniño
Lugo: Ás 20:00 h da Ronda da Muralla, do edificio sindical
Pontevedra: Ás 20:30 h da Praza da ferrería
Santiago: Ás 20:00 h da Alameda
Ourense: Ás 20:00 h do Pavillón dos Remedios
Vigo: Ás 20:30 h da Vía Norte
Vilagarcía: Ás 21:00 h da Casa do Mar