As mulleres trans traemos un senfín de definicións e vivencias singulares. Somos nós, as mulleres trans, dentro da diversidade de ethos, partícipes da deconstrución do binomio sexo/xénero, do establecemento do contínuum muller-home, no que as nosas manifestacións, as nosas existencias interrogan aqueles conceptos que outrora foran deseñados e axiomatizados, como intento de derrube deste marco castrante e aniquilador da autodefinición, de vivir cadaquén con liberdade o desenvolvemento da propia identidade.
As mulleres trans somos parte da sociedade na que estamos circunscritas. Os nosos procesos son verdadeiros instrumentos para avaliar a salubridade da nosa sociedade, deixo tan só unha nota que na anamnese inicial, a nosa sociedade ten síntomas claramente asociais. Unhas traen con elas modelos e responden a paradigmas máis conservadores e repetitivos do status quo social, outras xurdimos con anceio e vocación de mudar, apostando por un outro mundo que con certeza ten que ser peiteado e entretecido no feminismo.
Somos parte desa revolución iniciada xa antes, e que aínda fica pendente.
E non é unha pose, un ficar ben, sabemos en carne propia o tratamento diferenciado que nós recebemos durante e posteriormente ao proceso, onde se nos foi tentando ignorar, na aparencia de home á existencia como muller. Estivemos nun primeiro vagón no comboio da sociedade, “pasamos” ou fóronnos illando, outras veces empurrando, a un segundo vagón e, dependendo en que momentos, coidamos que estivemos ou estamos no da cola. Somos conscientes de ter camiñado.
Moitas veces lembro como experiencia significativa e significante pasar de ser condutor a ser condutora, como a percepción que o tratamento que recibía era como se perdese condicións e cualidades que antes posuía. Que dicir no mundo laboral, no quefacer político, onde os nosos traballos, as nosas praxes militantes, para termos o mesmo valor que antes tiñamos fai falta agora un dobre esforzo!
O noso camiño de reconstrución do presente arrinca do desexo, dese desexo que antes foi amedoñado, calado, silenciado, agochado, e que agroma coa forza dunha seiva, de folgos necesarios, para con forza precisa e constante, reconquistar e autodefinir a propia existencia. É un camiño de autoquerenza, de empoderamento, de benquerenza capaz de pór en consonancia o ser co existir muller. O enfrontamento social é froito do test da vida real, e mercé ao guiño das persoas queridas e amadas do colchón afectivo.
E doe, doe chegar, respirar, remozar os pulmóns, logo de dondear os nosos corpos, de declarar a nosa soberanía particular, de afirmar o paso no chan que camiñamos, logo de ter apreixado o que és e xa existes, para percibir e vivenciar que segue a estar vixente o que tempo atrás unha amiga me comentou, “as mulleres vivimos nun estado de sitio e, ás veces, con toque de queda”.
Somos todas, cada unha de nós, as nosas entidades e colectivos, e os compañeiros que comprenden e comparten o noso empoderamento, e os Grupos LGBT no que algunhas estamos alineadas, e as mulleres inmigrantes, as que levan sinais das duplas e triplas discriminacións, somos todas desde a consciencia da nosa militancia que urxe, e non hai tempo que perder, un outro mundo, que afirmo e persevero que si é posíbel.
Laura Bugallo