STEG ó día · STEG opina

01-04-2020

Na defensa dos servizos públicos

Comunicado do STEG e da Confederación Intersindical:


 
O STEG e a CI esixen que a experiencia do COVID-19 sirva para blindar uns servizos públicos gratuítos, universais e 100% públicos. O STEG e a CI esixen tamén a protección de todo o persoal da Administración Pública que está en primeira liña de loita contra o COVID-19: sanidade, dependencia, maiores e limpeza. O STEG e a CI móstranse firmes no que debe ser unha loita común para todo o Estado: a defensa duns Servizos Públicos gratuítos, universais e 100% públicos. Reclamamos, non só que se recupere todo o arrebatado durante esta última década, especialmente a recuperación das 35 horas semanais que supón a contratación de miles de persoas, senón que esiximos ir máis aló e ampliar o sector público ata equiparármonos, polo menos, aos niveis escandinavos.
Queremos lembrar que levamos máis dunha década denunciando recortes nos servizos públicos, a falta de recursos humanos e materiais, a necesaria renovación de centros públicos obsoletos e a privatización de servizos esenciais. Con esta crise sanitaria e social demóstrase que o noso compromiso sempre foi e será a defensa dun estado do benestar que chegue a toda a cidadanía en igualdade e equidade. As organizacións ecoloxistas e a comunidade científica veñen advertindo desde fai anos que unha epidemia destas dimensións podía darse e converterse nalgo recorrente de xeito cíclico.

A realidade do cambio climático e dunha economía capitalista globalizada que ten como último obxectivo a obtención de beneficio á costa de acabar co medio natural e coa vida das persoas e cos dereitos de traballadoras e traballadores, sitúanos nun escenario no que o modelo económico no que vivimos é insostíbel e perigoso para a propia supervivencia da nosa especie e do planeta. Esiximos, xa que logo, a nacionalización dos sectores estratéxicos da economía, a xestión pública directa dos servizos públicos e todos os traballos relacionados cos mesmos, desde limpeza ata xestión de residuos, pasando pola xestión de augas, comedores, atención a maiores e persoas dependentes...

Esiximos que o sector privado se poña ao servizo do sector público de xeito inmediato e permanente para desenvolver unha economía posta realmente ao servizo do interese da maioría social traballadora e non de minorías privilexiadas. Dispoñemos de exemplos ben reveladores no país, entre outros: unha rede de residencias de maiores privatizadas nunha porcentaxe enorme por Feijóo –na que agora acontece o que acontece e agardando sen éxito que compareza a conselleira no Parlamento-, 10 hospitais pechados en 11 anos –os mesmos que agora poderían estar salvando vidas- ou as afirmacións gratuítas de Almuiña, Conselleiro de Sanidade, dicindo que “las camas son necesarias en los hoteles, no tanto en los hospitales”.

O STEG e a CI esixen, de xeito inmediato, que todos os equipos de traballo que son primeira liña contra o COVID-19 estean protexidos. É urxente que todas as persoas conten co material necesario para protexerse, garantir espazos de traballo seguros que impidan o contaxio e, por suposto, o respecto polos seus dereitos laborais, o dereito á saúde laboral e o de conciliación coa vida familiar. Somos conscientes do enorme esforzo que estamos facendo, por parte de toda a sociedade, pero debemos lembrar que algunhas das persoas que están facendo fronte ao COVID-19 pertencen a sectores enormemente castigados polas medidas neoliberais e enfróntanse con falta de persoal e material ao virus, estando ao coidado dun sector de risco, como son as persoas maiores e dependentes. Esiximos entón o necesario aumento do persoal de xeito inmediato e permanente (na liña en que recomenda a OMS), a súa adecuada protección e a garantía de que o seu traballo se realizará en espazos seguros con rigorosa atención ao dereito de traballadoras e traballadores.

Queremos lembrar tamén, que precisamente quen está máis exposto ao contaxio son sectores feminizados, especialmente castigados polos recortes e pola falta de seguridade laboral e económica. Sanidade, limpeza, coidado de maiores e dependentes, supermercados… Traballos feminizados que, en moitos casos se encontran externalizados e cuns salarios baixos, en comparación con traballos da mesma categoría pero con maior presenza masculina (falamos de fenda salarial).

O STEG e a CI esixen recuperar a xestión directa polas diferentes administracións públicas, as medidas necesarias para garantir que o traballo realizado se faga de forma segura e que se tomen todas as medidas necesarias para garantir a conciliación da vida laboral e familiar, porque por desgraza, seguen sendo as mulleres as encargadas dos coidados tamén nas súas casas. Esiximos o recoñecemento a nivel estatal do artigo 189 da OIT sobre traballo doméstico, para equiparar dunha vez por todas este traballo central co resto de traballos. Esiximos unha especial atención para quen está desempeñando labores de coidado na economía informal, un sector especialmente vulnerábel que, ademais, forma parte da rede global de coidados, que permite que os fogares deste país e os seus membros máis vulnerables sexan coidados por mulleres migradas, en moitos casos sen papeis e sen ningún tipo de seguridade nin protección legal.

O STEG e a CI queren facer unha chamamento a toda a sociedade para que reflictamos como esta crise se está xestionando nas nosas casas, como a diferenza de renda fai que se pase mellor ou peor esta corentena en función do diñeiro que teñas, da casa que teñas, de se hai libros, acceso a internet, espazos de lecer, balcóns ou terrazas, ou fiestras que dean a un patio interior. Non se pode traballar e coidar ao mesmo tempo. ¿Que sociedade é esta que construímos que permite que haxa persoas anciás soas e illadas, con moi poucos recursos algunhas delas? (outra vez principalmente mulleres) Como se pode traballar e ao mesmo tempo atender a fillas e fillos sen unha rede de coidados? O STEG e a CI esixen que os coidados se poñan no centro, que a vida se torne o prioritario, que teñamos, dunha vez, unha economía para o planeta e para as persoas. Esiximos que a saída desta crise fortaleza o Estado do Benestar que tan necesario se está facendo estes días.

Defende o público. Defende o de toda a cidadanía!
-documento en pdf

                                                                     2 de abril de 2020

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza