Sentenza gañada polo STEG
Unha sentenza gañada polo STEG esclarece os termos en que debía ser baremado o subepígrafo 3.2.2 da Orde de 4 de xuño de 2020 que convocou o procedemento selectivo para o acceso ao corpo de catedráticos de ensino secundario e obriga á Consellería de educación a propoñer o nomeamento como catedrático con efectos retroactivos a 2022.
A sentenza ditada polos Xulgados do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela, posteriormente ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, esclarece os termos en que debía ser baremado o subepígrafe 3.2.2 da Orde de 4 de xuño de 2020 polo que se convocaba o procedemento selectivo para o acceso ao corpo de catedráticos de ensino secundario, recoñecendo a necesaria dobre baremación, como premios e como proxectos.
A DISPOSICIÓN COMPLEMENTARIA OITAVA da 4 de xuño de 2020, en relación coa baremación dos premios recollida no apartado 3.2.2 sinala que “Os proxectos de investigación ou innovación que fosen premiados puntuaranse na subepígrafe 3.2.2 como proxecto de investigación ou innovación e ademais como premio.”
Pese a claridade da norma a interpretación realizada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación pretendía restrinxir a aplicación deste apartado, impoñendo aos docentes unha carga probatoria sobre o carácter innovador das actividades premiadas distinta da prevista na convocatoria, feito que en opinión desta asesoría xurídica do STEG resultaba “contraria aos principios de legalidade e seguridade xurídica, e que implicaba unha inxustificada diminución da puntuación obtida polo recorrente no procedemento.”.
A pretensión do STEG foi refrendada polos Tribunais, que dende a primeira instancia manifestaron a súa sorpresa sinalando “Realmente resulta incomprensible entender cómo se puede obtener un premio denominado de innovación y al mismo tiempo considerar que no se acredita el carácter innovador de la actividad desarrollada.”
O STEG parabenízase agora da resolución da Consellería de Educación que, en execución de sentenza, acorda recoñecer a doble baremación no subepígrafe 3.2.2, modificando a puntuación definitiva correspondente ao recorrente no proceso selectivo e declarando que “debeu resultar seleccionado no procedemento para o acceso á especialidade”; acordando propoñer ao Ministerio de Educación , Formación Profesional e Deportes o seu nomeamento como funcionario de carreira do corpo de catedráticos de ensino secundario, con efectos administrativos e económicos dende xaneiro de 2022.