Nalgunhas especialidades dende o 23 de maio
Prezada/o compañeira/o do ensino público:
O pasado venres, o STEG rexistrou un escrito dirixido á Consellería de Educación onde denuncia a non cobertura de baixas por parte desta que, nalgunhas especialidades, remóntase xa ao pasado 23 de maio, ademais da confirmación de que a Consellería tampouco as cubrirá dende o 7 de xuño até final de curso.
Neste escrito, faise fincapé na enorme sobrecarga de traballo que isto supón para os centros educativos e o seu persoal docente, ademais das graves consecuencias que ten tamén para o alumnado, especialmente aquel que máis atención precisa, nun momento tan sensíbel para todas/os como é o final de curso.
Paralelamente, neste escrito esíxese á Consellería que pague os meses de verán ao persoal substituto e interino que lle corresponda segundo a lexislación vixente, contribuíndo a combater a precariedade e mellorar as condicións de traballo do mesmo.
Por último, faise notar neste documento que Galiza é o territorio de todo o Estado que menos gasto social executa, indo á cola do mesmo en sanidade e educación, pregándoselle á Consellería que tome as accións pertinentes para reverter esta situación.
Agardando que a información sexa do teu interese, recibe un saúdo e moitos azos para este tramo final do curso, atentamente,
STEG