09-10-2015 Non existe oferta formativa en Galiza para acceder á docencia
STEG denuncia a situación de interinas/os de FP e EE. Deportivas
O STEG DENUNCIA A NULA OFERTA FORMATIVA PARA AQUELAS PERSOAS QUE QUEIRAN ACCEDER Á DOCENCIA DESDE O CORPO DE TÉCNICOS DE FORMACIÓN PROFESIONAL E ENSINANZAS DEPORTIVAS
A normativa establece que para poder impartir clase na Formación Profesional ou en Ensinanzas Deportivas, cómpre dispor de un título universitario de licenciatura ou de grao ademais da formación pedagóxica e didáctica de postgrao, así como, acreditar o dominio dunha lingua estranxeira equivalente ao nivel B1 (do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas). As persoas coa titulación universitaria poderán realizar o título oficial de Máster que as habilitan para poder exercer como Profesorado de ESO e Bacharelato. Sen embargo, aquelas persoas que non teñen titulación universitaria non poden acceder a dito master, polo que a administración esixe unha formación equivalente á formación pedagóxica e didáctica que se regula pola Orde EDU/2645/2011, do 23 de setembro.
Dita orde, na súa disposición adicional primeira, dispón a esixencia deste certificado oficial de estudos de certificación pedagóxica para o 1 de setembro de 2013 tanto para o profesorado de FP como para o de Ensinanzas Deportivas. Na disposición segunda desta orde establécese que ata o 1 de setembro de 2014 non se esixirá a acreditación nunha lingua estranxeira.
Como non foi posible desenvolver nos prazos indicados eses estudos que habilitasen para o exercicio da docencia modificáronse esas disposicións primeira e segunda e trasladouse ao 1 de setembro de 2015 a esixencia tanto desa Formación Pedagóxica e Didáctica como da acreditación de dominio dunha lingua estranxeira de nivel B1.
A esixencia de formación pedagóxica complementaria lle será recoñecida a quen acredite que impartira docencia durante dous cursos académicos completos, dous ciclos de ensino deportivo completos ou, no seu defecto, doce meses continuos ou descontinuos en centros públicos ou privados.
O STEG opina que, a pesar do esgotamento desta moratoria, a Administración non fixo esforzos dabondo para a implantación desta formación pedagóxica e didáctica equivalente, xa que na Comunidade Autónoma de Galiza non existe posibilidade de cursar estes estudos.
A posibilidade máis próxima no espazo está na UNED de Xixón: o curso chamado COFPYD, cun custo de 1700 euros destinados a determinadas especialidades e titulacións.
Outra posibilidade existiría na Universidad de la Rioja:
E outra na Universidad Politécnica de Cartagena:
En Canarias, en colaboración coa propia Consejería de Educación, existe a posibilidade de realizalos na Universidad de Las Palmas:
Todas estas universidades teñen unha escasa oferta, coas prazas ocupadas e con longas listas de espera.
O STEG demanda da Consellería de Educación a implantación de dita Formación Pedagóxica e Didáctica equivalente na nosa lingua e con carácter inmediato.
A única oferta formativa que a Consellería implementou durante este curso é unha formación restrinxida ofertada únicamente para aquelas persoas que están en lista de substitucións e interinidades e que non sexan licenciadas, porque entende que o poderían facer polo cauce normal (máster de profesorado).