28 Abril 2011- Día da Seguridade e Saúde Laboral
Tal como vén proclamado no artigo 22 da D.U.D. H. (Declaración Universal dos Dereitos Humanos): “toda persoa ten dereito á Seguridade Social, e a obter, mediante o esforzo nacional e a cooperación internacional, a satisfacción dos seus dereitos económicos, sociais e culturais, indispensables para o libre desenvolvemento da súa personalidade”.
Se a isto engadimos, que o traballo realizado nun marco laboral san é a garantía da paz e o progreso humano das sociedades democráticas e libres, teremos o escenario ideal onde comunmente a nosa actuación sindical debérase realizar.
Pero nesta crise económica atrévense a dicirnos que o Estado xa non pode garantir os custos das medidas para a nosa sociedade no que se chama o Estado do Benestar, porque non hai diñeiro suficiente para prolongar as conquistas sociais, cando a produción da riqueza aumentou considerablemente nos últimos decenios.
A consecuencia é que os organismos internacionais ao servizo da mensaxe economicista como o F. M. I., o G-20, o Banco Mundial, unidos coas Multinacionais máis potentes, predican unha doutrina de restrición dos dereitos sociais e laborais que afecta á nosa forma de vida mediante contratos en precario, limitación do subsidio de paro, diminución nas prestacións por enfermidade, cambio a peor nas pensións, etc., o que nos leva a unha situación de inseguridade no mercado de traballo en todos os seus sectores e países.
Perda da saúde física e psíquica, máis accidentes de traballo a causa do ritmo excesivo na produción e as deficientes medidas de seguridade, menor investimento na prevención (tendo en conta que 1 euro investido neste campo aforra dez euros posteriores noutros servizos como os sanitarios, sociais), menor interese en formar e informar ás traballadoras e traballadores nos seus respectivos riscos nos procesos produtivos.
Por todo iso o STEG neste 28 de Abril, día da Seguridade e Saúde Laboral, avoga por:
-unha aplicación efectiva da Lei 31/1995 de Prevención e Riscos Laborais, incidindo especialmente nas traballadoras e traballadores de primeiro emprego, persoas de máis idade nos traballos, mulleres en situación de embarazo, persoas con patoloxías individuais recoñecidas.
-o investimento real en medidas de prevención e sensibilización dos traballadores e traballadoras nos procesos produtivos, utilizando para iso o diálogo cos Sindicatos.
-a incorporación e estudo das novas enfermidades profesionais que están ligadas aos cambios sociais e tecnolóxicos producidos continuamente nunha sociedade moi cambiante como a que vivimos no século XXI.
-a formación e información efectiva de todos os traballadores e traballadoras mediante cursos para poder afrontar e coñecer os riscos aos que se enfrontan no seu traballo.