Posicionamento do STEG
POSICIONAMENTO DO STEG EN RELACIÓN Á NOVA LEI DE FP
O próximo curso 2024/2025 será de implantación a nova lei de Formación Profesional, unha lei que muda substancialmente a definición da formación profesional, converténdoa nun modelo dual desde o primeiro ano, o que supón que unha parte importante das aprendizaxes van ser impartidas a través das empresas. Consideramos que esta nova lei vai ir en detrimento da calidade do ensino, polo que o STEG ante esta situación, fai o seguinte posicionamento:
Consideramos que a Formación Profesional é unha formación integral que prepara ao alumnado non só para unha profesión senón tamén para adquirir estratexias e competencias claves para a vida, nunha contorna escolar e con contidos transversais impartidos por docentes que contan cunha formación non só de carácter profesional senón tamén académica e transversal.
A nova lei educativa amplía significativamente a adquisición de aprendizaxes nunha contorna empresarial en que rexen criterios de rendibilidade e puramente economicistas. Consideramos que con esta ampliación o alumnado vai perder oportunidades de aprendizaxe, ademais de acceder ás empresas sen ter unha formación de base e espírito crítico suficiente.
Esta reforma vai supor ademais outorgarlle as empresas carta ancha para un acceso seguro a man de obra a custo cero e para o profesorado, unha ampliación da carga burocrática, que xa ten actualmente, asociada a un maior contacto e relación coas empresas.
A FP actual está deseñada para que o alumnado teña experiencias de aprendizaxes diferentes nos postos do perfil profesional do ciclo que cursa. As competencias adquiridas no centro son diversas e polivalentes, encamiñadas a preparar ao alumnado a calquera contorna laboral do seu título.
A nova lei de FP prioriza a formación práctica nas empresas, dando un valor ao ensino dunha profesión totalmente reducionista que só vai favorecer experiencias de aprendizaxe nun posto concreto e cunhas condicións moi determinadas, as marcadas pola empresa de acollida.
Neste punto, entendemos ademais que na Galiza aínda vai ser máis problemático este modelo tento en conta que máis da metade das empresas situadas no noso territorio non teñen persoas asalariadas e só un 2,06%1 das mesmas contan con máis de 20 persoas no seu cadro de persoal.
O STEG denuncia que o retraso en contar coa normativa de desenvolvemento da FP provocará unha sobrecarga de traballo dos equipos directivos e do profesorado para a preparación do próximo curso. Ademais de que consideramos que os grupos de traballo que están a definir os currículos das familias profesionais foron nomeados de forma aleatoria e sen criterios claramente obxectivos.
Co modelo actual, o sistema de concertos con entidades privadas existe, sobre todo nas vilas grandes da Galiza. En Vigo, por poñer un exemplo, existen 14 centros concertados e 8 centros privados, fronte a 8 públicos.
Consideramos que o novo modelo dual aínda vai a aumentar máis esta oferta privada debido a vinculación destes centros con entidades empresariais e porque un modelo dual ten menos custos en relación a equipamento para os centros formativos.
Coa implantación da LOFP e da dualización da FP unha ampla parte do alumnado poderá realizar a súa formación en empresas durante o mes de agosto, en no caso do alumnado de primeiro curso poderá realizala en calquera período do curso.
O desenvolvemento da formación en empresas durante distintos períodos do ano sen adecuarse a un calendario escolar, vai en detrimento da organización e programación docente das aulas, dos contidos e aprendizaxes que se imparten no centros. Por outra banda a realización da formación na empresa durante o mes de agosto, mes que coincide coas vacacións das persoas docentes, suporá ou ben que o alumnado non dispoña de titorización docente durante ese mes ou ben que teñan que prescindir do seu tempo de vacacións para asistir e titorizar ao alumnado que en ocasións poderá incluso non estar desenvolvendo a súa formación na empresa dentro da propia comunidade autónoma.
O Real Decreto 1529/2012, de 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e o aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual. Indica no seu artigo 32: No caso de que os alumnos non superen algún dos módulos profesionais, as Administracións educativas, no marco da normativa vixente, establecerán as medidas necesarias para facilitarlles a obtención do título; entre outras, a ampliación da duración do proxecto, o traslado de centro ou a finalización do programa formativo nun centro educativo.
Tendo en conta as diversas casuísticas que se poden dar (alumnado que non remata o período de formación na empresa, alumnado que non é seleccionado por ningunha empresa, alumnado sen permiso de traballo que non pode acceder a formación na empresa, etc..), a Consellería debería establecer unhas directrices claras que observen as distintas posibilidades para evitar a desigualdade entre o alumnado e os distintos centros educativos, e determinar a forma de proceder no caso de que o alumnado pola causa que fora, non puidera acadar todos os resultados de aprendizaxe que se lle atribúen ao tempo de formación na empresa.
Consideramos tamén de importancia que no novo Decreto que regule a FP a nivel autonómico sexan tidas en consideración outras linguas, en concreto o portugués, como unha lingua de especial importancia estratéxica no ensino galego, sobre todo en determinadas áreas onde a maioría das prácticas son realizadas no país veciño. Solicitamos pois a implantación do módulo “Portugués profesional” con carácter xeral en todos os ciclos que teñan relación con Portugal en canto a prácticas formativas ou a posibles empregos e tamén pedimos a oferta como primeira lingua estranxeira en todos os centros que impartan ensinanzas de Formación Profesional localizados nos concellos pertencentes á AECT Río Miño e nos localizados nas restantes comarcas arraianas: Terra de Celanova, Baixa Limia, A Limia, Verín e Viana.
1 Datos do IGE (2022)