STEG ó día · STEG opina

02-07-2020

O ENSINO PÚBLICO PRECISA MEDIDAS E ACTUACIÓNS, NON CÁLCULO ELECTORAL

A Consellería desaparecida:

Dende o STEG, ao fío de todas as problemáticas e incógnitas relacionadas con cuestións moi diversas, especialmente todas aquelas relacionadas co enfoque e medidas a adoptar para o novo curso, veuse solicitando nas diferentes provincias que se procedese á reunión das Xuntas de Persoal, un sentir compartido pola meirande parte das restantes forzas sindicais. Mais estamos a obter a calada por resposta ou o adiamento sine die desta reunión, onde poidamos contar coa presenza tamén das titulares das diferentes Xefaturas Territoriais e das súas responsábeis da Inspección Educativa.

    Entendemos que dende a Consellería de Educación hai interese en non celebrar este tipo de reunións nin ofrecer a información que a comunidade educativa demanda e necesita por unha cuestión de oportunismo e cálculo electoral. A celebracións das eleccións galegas o vindeiro domingo 12 de xullo é o horizonte que as actuais responsábeis educativas manexan antes de ofrecer información ningunha relativa a previsións, medidas, decisións ou accións cara a preparación do curso que vén –curso que calquera pode intuír será dunha enorme complexidade-. Por esta circunstancia, insistimos na necesidade de reunírmonos á maior brevidade nos foros e eidos legal e democraticamente constituídos, isto é, as Xuntas de Persoal e a Mesa Sectorial, e contar coa presenza das responsábeis da Consellería. A comunidade educativa precisa información e resposta sobre moitas interrogantes que aínda non a teñen. E o cálculo electoral e os seus prazos non poden ser quen guíen a acción de goberno dos responsábeis políticos no exercicio das competencias que teñen atribuídas.

    O feito de non facelo supón un abandono no exercicio das súas funcións ao tempo que contribúe á instauración de prácticas moi distantes dos debidos criterios de transparencia, información e funcionamento democrático que debe presidir a súa acción. Agora mesmo, os equipos directivos e a comunidade educativa precisan diálogo e información sobre a previsión de medidas relativas a protocolos, criterios e plans de actuación que se derivan da pandemia pola COVID-19. Mais os centros tamén están tendo dificultades para planificar a súa actividade ao non dispoñeren de información abondo sobre as intencións da Consellería no tocante ao deseño dos seus centros.

    Neste sentido, o STEG esixe que a Consellería de Educación e o goberno da Xunta de Feijóo deixen de enredar e xogar ao despiste –pedindo primeiro que a partida finalista de 2000 millóns de euros que o goberno central lle confire ás comunidades autónomas se gaste noutros fins e a continuación dicindo que non poderá reducir as ratios porque a Xunta non dispón de fondos-. Esiximos tamén que faga uso dos recursos públicos (humanos e materiais) de que xa dispón a Consellería –especialistas en prevención de riscos laborais e saúde, especialistas técnicas e arquitectas- e non persista na privatización de tarefas e encargos a empresas privadas como Cualtis e/ou Iberomutua; en datas recentes, denunciamos que xa foran contratadas para uns traballos iniciais nos centros educativos, sen que tivesen constancia ningunha as xefaturas territoriais nin o resto da comunidade educativa e que parecen anticipar o que virá. Parece que agora actuarán de xeito gratuíto nos colexios electorais (viva o desinterese altruísta!)

    No entanto que estas reunión non teñen lugar, o STEG demanda da Consellería unha aposta urxente e decidida que se traduza en máis profesorado e a redución drástica das ratios por aula, entre outras medidas que deben acompañar estas dúas, dotando os centros, o alumnado, as familias e as traballadoras e traballadores do ensino de todas e cantas medidas de seguridade, hixiene e distanciamento sexan precisas para garantir a saúde pública.

-documento en pdf

                                
                                                    Comisión Permanente do Secretariado Nacional do STEG
2 de xullo de 2020    
                                   

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza