STEG ó día · STEG opina

18-12-2014

O PP impón en solitario a Lei Orgánica de Seguridade Cidadá

Lei ´Mordaza´

Non á “Lei mordaza”, coa que se pretende acalar o protesto social contra os recortes e a corrupción.

O Congreso dos Deputados aprobou o pasado xoves día 11 de decembro de 2014 a Lei Orgánica de Seguridade Cidadá, cos únicos votos a favor do PP. Trátase dun novo golpe de rodillo parlamentario, deseñado á medida para intentar amedrentar e acalar os protestos sociais e sindicais, os movementos cidadáns, as mareas en defensa dos servizos públicos e todas as múltiplas expresións de protesto contra as políticas involucionistas e de recortes sociais e laborais que estamos padecendo.

Esta Lei, catalogada como “Lei Mordaza”, fai parte dun proceso de involución que estamos vivindo co Goberno actual e que supón a volta a un Estado de corte autoritario, por máis que conserve o envoltorio de democracia. Trátase dunha lexislación inspirada na Lei de Orde Pública de 1959, aplicada durante a ditadura franquista, e por iso ataca directamente as liberdades fundamentais e os dereitos de reunión e de manifestación. A nova lei pon en mans do Ministerio do Interior o que ata agora era competencia da Xustiza. Preténdese eludir así derrotas xudiciais que viñan colleitando as "autoridades políticas" coas súas inxustificables denuncias por "desordes" ou "desacatos" contra manifestantes ou movementos sociais e sindicais.

Esta Lei nace para reprimir con dureza, pola vía da forza ou da imposición de fortes multas, os máis que lexítimos protestos sociais que se veñen manifestando: 

Considera mois graves, con multas de 30.000 a 600.000 €, entre outras:

  • Celebrar manifestacións arredor do Congreso, do Senado ou dos Parlamentos

  • Realizar manifestacións ou concentracións non comunicadas diante de infraestruturas básicas ou arredor de empresas que prestan servizos públicos.

Considera grave, con multas de 601 a 30.000 €, entre outras:

  • Impedir un desafiuzamento.

  • Gravar actuacións policiais e difundilas

  • Negarse a disolver unha manifestación cando o requira a autoridade

  • Desobedecer a un axente policial ou negarse a mostrar o DNI

  • Interromper con protestos actos ou espectáculos públicos

Consideran leve, con multas de 100 a 600 €, entre outras:

  • Ocupacións ou acampadas na vía pública.

  • Colocar pancartas, autocolantes ou facer pintadas en edificios públicos

  • Insultar membros dos corpos policiais.

  • Portar caretas ou pancartas que denigren a imaxe das autoridades.

Esta Lei afecta mesmo á Lei de Estranxeiría, legalizando as chamadas “devolucións en quente", que privan ás persoas migrantes do dereito ao asilo e elimina as súas garantías recoñecidas pola lexislación internacional. É un paso máis, xunto coa reforma do Código Penal e a Lei de Seguridade Privada, no recorte das liberdades e na supresión de garantías.

O STEG, xaora, rexeita esta reacción involucionista dos poderosos diante do crecente conflito social provocado polos seus recortes e polas políticas antisociais que levan a cabo os Gobernos central e autonómico.

Confiar exclusivamente en que outro(s) partido(s) derrogue(n) esta Lei no inmediato futuro é fialo todo a unha carta que pode ser insuficiente. Por iso, consideramos que debería conformarse canto antes un amplo movemento de rexeitamento organizado fronte a esta Lei, nutrido por todas aquelas plataformas, mareas, organizacións sociais e sindicais e sectores da sociedade en xeral que nos opoñemos a este novo golpe contra as liberdades fundamentais e estamos dispostos a frear coa nosa loita este intolerábel avanzo do autoritarismo.

Secretariado Nacional do STEG
18 de decembro de 2014

pdf co texto

 

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza