O Pobo sae ás rúas
Contra o saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen
Milleiros de persoas saíron, onte día 19 de xullo, ás rúas tomando parte das dez mobilizacións que houbo en Galiza.
Baixo o lema "Contra o saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen", as traballadoras e traballadores amosaron o seu rexeitamento ás políticas que se están a levar a cabo contra os nosos dereitos, adquiridos tras longos anos de loitas, e os recortes nos servizos públicos que non só van afectar á nosa, senón tamén ás vindeiras xeracións.
Estas políticas pretenden que sexan os pobos os que paguen ás débedas producidas pola especulación financeira e a falta de regulación desde os poderes públicos. Temos que dicirlles alto e claro que estas políticas NON SON AS ÚNICAS POSÍBEIS e que se poden facer outras con maior sensibilidade social.
Unha soa manifestación pode que non varíe o curso destas políticas, pero pode ser o comezo dunha serie de mobilizacións e protestas que fagan que consigamos mudalas.
O STEG seguirá estando aí, como ferramenta da clase traballadora, para loitar contra este saqueo e evitar que arruínen á nosa sociedade.