STEG ó día · Novas

O STEG apoia á Plataforma 'Clásicas en pé' fronte ao desmantelamento das Humanidades e a destrución de emprego a
06-11-2026

O STEG apoia á Plataforma 'Clásicas en pé' fronte ao desmantelamento das Humanidades e a destrución de emprego a "Custo Cero"

A Consellería de Educación está a executar un recorte encuberto sen precedentes nas especialidades de Latín e Grego no ensino público galego. Un rigoroso expediente elaborado pola nova plataforma asemblearia docente Clásicas en pé(avalado pola SEEC e a Universidade) audita a situación de máis de 100 IES e destapa que o 64% dos centros sofren bloqueos ou supresións na docencia presencial.

A trampa laboral do "Custo Cero" O dato máis alarmante para os dereitos laborais do colectivo é que no 74,6% dos institutos afectados o recorte estase a facer a "Custo Cero". Isto significa que a Inspección Educativa está a derivar forzosamente ao alumnado á modalidade de ensino a distancia malia que o centro conta con profesorado especialista definitivo e con horario dispoñible para dar a clase.

Dende o STEG denunciamos que esta manobra de ineficiencia organizativa non é casual: busca xerar unha "falta de horario" artificial para xustificar a medio prazo a amortización, o desprazamento e a supresión de prazas de Clásicas. Esta sangría administrativa está a castigar de forma brutal á escola pública do medio rural, co paradigma do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), onde a Xunta chegou a ofertar unha vacante en setembro para eliminala de forma opaca días despois, deixando ao alumnado semanas sen docente especialista.

Esiximos a Blindaxe Estrutural A defensa do Bacharelato de Humanidades é indisoluble da defensa dos postos de traballo. Por iso, o STEG fai súas as reivindicacións da plataforma Clásicas en pé e exixe á Consellería a aplicación inmediata dunha Cláusula de Blindaxe Estrutural na Mesa Sectorial: 

  1. Moratoria de amortizacións: Nin unha soa supresión de praza baseada nos actuais bloqueos de matrícula.
  2. Restitución presencial: Fin do "Custo Cero" e volta inmediata do alumnado á aula presencial.
  3. Dotación mínima: Cadro de persoal especialista garantido e innegociable en todo instituto que teña autorizada a modalidade de Humanidades.
  4. Instrución unificada e transparencia: Publicación dunha instrución única por parte da Inspección Educativa que homoxeneíze criterios, audite a oferta nos sobres de matrícula para evitar a censura previa das materias (bloqueos en orixe), e obrigue a motivar calquera denegación de grupos antes do 15 de xullo.

Non imos permitir que a Consellería utilice as súas propias trabas burocráticas para destruír o emprego público no ensino galego. Todo o noso apoio a Clásicas en pé

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


Horario das sedes:

10.00h-14:00h (Atención presencial e con cita previa)

16.00h-19:00h (Atención telefónica e con cita previa)

 

A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps


 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza