STEG ó día · Mobilizacións · Recortes Servizos Públicos

O STEG contra os recortes nos servizos públicos

O Goberno aprobou, no último Consello de Ministros, os novos recortes en Ensino e en Sanidade. En ambos os dous casos as reformas empeoran estes dous servizos públicos, castigando a quen máis necesidades educativas ou sanitarias teñen. Os recortes provocarán a exclusión, na cobertura das súas necesidades, das persoas con menores recursos. Contando coa insoportábel situación económica que están a sufrir moitas persoas, esta falta de atención vai afectar a unha alta porcentaxe da poboación.

En Sanidade auméntase o copago dos medicamentos, introducíndose para as persoas xubiladas, o que levará a non cumprir cos tratamentos e a unha diminución dos índices de saúde. Tamén se introduce o copago en prestacións dietéticas e ortoprotésicas e no transporte sanitario non urxente. Ademais retírase o dereito á atención sanitaria ás persoas inmigrantes sen papeis cunha negativa incidencia sobre a saúde pública.Ao final, peor saúde para o conxunto da poboación e, especialmente, as persoas con maiores problemas de saúde e menores recursos.

En Ensino, auméntase a xornada de docencia directa, o que provocará un brutal recorte de cadros e unha degradación da calidade educativa... Recortarase tambien a oferta educativa, reducindo Ciclos Formativos na FP. Na Universidade sóbense as taxas, redúcese a oferta de titulacións e aumentarase a carga de traballo do profesorado. En resumo, as decisións gobernamentais son peor educación pública e máis cara.

As pensións xa se empeoraron co anterior goberno e se ameaza cunha próxima reforma para diminuír a súa cantidade e contía. Reduciuse a atención a persoas dependentes e parece que se pretende rematar con ese dereito. Como se pode ver, os ataques aos dereitos sociais están a ser continuados e afectan ao seu conxunto.

O Goberno de Rajoy, con estas reformas, entende a preservación dos servizos públicos recortando as prestacións e adapta a legalidade para que os gobernos das comunidades autónomas apliquen sen trabas todas as medidas proxectadas. Co pretexto de que non se poden manter, se recortan os servizos públicos en vez de os asegurar. Así, se converten, o que antes considerabamos dereitos, en gastos prescindíbeis.

O STEG segue pensando que unha educación e unha sanidade públicas e de calidade non son un gasto, senón unha investimento no futuro colectivo e as considera como dereitos, non como gastos prescindíbeis. O necesario non é recortar, senón aumentar a inversión en servizos públicos que aseguren a cohesión social. Aínda queda moito por mellorar tamén na atención a persoas maiores, en escolas infantis, en atención a persoas dependentes...

Por moito que os gobernos autonómico e central nos digan que non hai outra saída. Por moito que a Unión Europea, os organismos internacionais e os mercados, queiran mostrar como única saída posible a perda de dereitos. Por moito que insistan, iso non converte as súas afirmacións en verdades. Se se puido levantar, o século pasado, unha estrutura de servizos públicos, na actualidade, con máis razón, débese poder mellorar e ampliar.

O discurso permanente de que non se poden pagar os servizos públicos, agacha a mala xestión, as axudas aos bancos, a vista gorda ao fraude fiscal, os custosos proxectos, as dilapidacións innecesarias e, sobre todo, o desexo do gran capital por trasladar ao libre mercado dereitos sociais básicos como a educación, a sanidade ou as pensións.

Este domingo, 3 de xuño, o STEG sairá de novo, para dicir ben alto, que opta pola resistencia. Por defender os dereitos que tanto esforzo custou conseguir e que, agora, nos queren quitar. E chama á cidadanía galega para que se manifeste contra estes recortes.


Permanente do Secretariado Nacional do STEG

SINDICATO STEG MOI PRETO DE TI


A CORUÑA

Rúa Basquiños 52 · Baixo dereita
15702 - Santiago de Compostela
Tfno 981 580 700
Telf: 981 154 031
compostela@steg.gal
corunha@steg.gal

Ver en Google Maps

 

LUGO

R/ Conde nº 31 · Entresollado esquerda.
27003 · Lugo
Tfno. 982 240 066
lugo@steg.gal

Ver en Google Maps
 

OURENSE

R/ Bedoya 5 · 2º dereita. 32004 · Ourense
Tfno 988 252 323
ourense@steg.gal

Ver en Google Maps
 

PONTEVEDRA

Avenida da Florida 42, oficina 4 (entresollado)
36210 · Vigo
Tfno. 986 857 545
pontevedra@steg.gal

Ver en Google Maps
 
STEG Sindicato de traballadoras e traballadores de ensino de Galiza