09-07-2013 O STEG demanda a retirada da Circular enviada aos centros
Cafeterías nos centros educativos
O STEG DEMANDA DA CONSELLARÍA A PARALIZACIÓN E RETIRADA DA CIRCULAR SOBRE AS CAFETERÍAS DOS CENTROS EDUCATIVOS.
A Consellaría de Educación sorprendeu aos centros educativos cunha circular no final do curso que modifica as condicións das concesións das cafeterías escolares.
Esta circular impón unha serie de condicións económicas que non teñen en conta as diferenzas entre cafeterías escolares de ámbito rural e ámbito urbano e que, ademais, con toda probabilidade, resultarán imposibles de manter, pola maioría das cafeterías dos centros educativos actuais.
O primeiro que temos que preguntarnos é: ¿a que intención obedece esta normativa? ¿Existía algún problema que fose preciso arranxar nestes espazos? Desde o STEG entendemos que non.
Pódese predicir que esta normativa levará ao peche de moitas cafeterías dos centros educativos actuais. Non sabemos se a Consellaría acariña a intención de que sexan xestionados ao estilo dos comedores por unha gran empresa que, ao mellor, alá onde non sexan rendíbles acabará substituíndo ás actuais cafeterías por máquinas expendedoras.
Desde o STEG queremos lembrar que na maior parte dos casos, e moi especialmente no ámbito rural e vilego, esta cafeterías están xestionadas por familias naturais e residentes na propia comarca en que o centro educativo está encravado, co que redundan no mantemento do emprego e no asentamento da poboación. Este carácter próximo tamén se fai sentir na relación co profesorado e co alumando, sobardando parámetros estritamente mercantís.
Desde o STEG queremos engadir ao anterior que a Consellaría, ao modificar o marco normativo en pleno mes de xullo, despreza unha vez máis o importante traballo das direccións dos centros, cargándolles outra función (o concurso das cafeterías terá que ser anual) que semella esquecer que a súa dedicación principal debe ser a pedagóxica.
No día de hoxe o STEG solicitou a paralización e retirada desta circular ante a Consellaría de Educación e o inicio de conversas coa comunidade educativa para primeiro analizar as necesidades dos centros nesta cuestión.
Secretariado Nacional do STEG
xullo 2013