29-09-2011 O STEG denuncia a falta de orientadoras/es en Institutos de Educación Secundaria
Orientación Educativa
FALTA DE ORIENTADORAS/ES EN INSTITUTOS DE EDUCACIÓN SECUNDARIA
No IES de Pastoriza non hai nomeada ningunha orientadora/or e o IES Fontem Albei comparte orientadora/or co CPI de Cervantes
Toda a lexislación vixente, tanto no Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria (Decreto 324/1996), no seu artigo 53, onde se establece que neses centros existirá un departamento de orientación, coma no Decreto 120/1998, no seu artigo 1º. 1 onde se dispoñe que nos institutos de educación secundaria créase un departamento de orientación que abranguerá no seu plan de actuación as escolas de educación infantil, os colexios de educación infantil e primaria, e os de educación primaria adscritos a el, obriga dun xeito claro a ter un departamento de orientación en todos e cada un dos institutos de educación secundaria de Galiza.
O STEG é coñecedor de que desde algunha inspección ofertouse ás direccións de Institutos de educación secundaria a disxuntiva de elixir entre profesorado que imparte docencia ou orientadora/or para o seu centro.
Coñecedores, como somos, de que non poden faltar orientadoras/es nos institutos de Galiza informamos e denunciamos ante á Consellería de Educación que, neste momento e ata onde coñecemos, no IES de Pastoriza en Arteixo (A Coruña) non hai nomeada orientadora/or, á vez que a Administración confirmounos o seu descoñecemento sobre o tema. Tamén informamos que o IES Fontem Albei da Fonsagrada comparte orientadora/or co CPI de Cervantes.
Permanente do Secretariado Nacional
Setembro 2011